A publicidade da telefónica O2: en catalán, si; en galego, "por el momento no"

As redes sociais preguntan por este novo caso de exclusión da lingua do país das campañas publicitarias.
Anuncio de O2 nunha marquesiña da Galiza. (Foto: @fonOSX / Twitter)
photo_camera Anuncio de O2 nunha marquesiña da Galiza. (Foto: @fonOSX / Twitter)

A lingua galega segue a brillar pola súa ausencia en múltiples campañas publicitarias. O último caso do que se fixeron eco as redes sociais foi o da operadora de telefonía móbil O2, propiedade de Telefónica.

"Por que en Catalunya facedes as campañas de publicidade en catalán e na Galiza en castelán?", preguntou á empresa un usuario de Twitter... e as respostas non tardaron en chegar por parte de diferentes persoas.

Tamén a propia compañía participou da conversa, cunha mensaxe escrita tamén en castelán, e, con todo, abriu a porta a incluír a lingua galega nun futuro: "Por el momento no hemos realizado las campañas en gallego pero trasladamos tu comentario y lo valoramos de cara a las siguientes".

Non é, nin moito menos, o primeiro caso no que unha empresa bota man nas súas campañas doutras linguas oficiais alén do galego, como foi o caso do que informou Nós Diario en 2020 con 1906, unha das marcas comercializadas pola cervexeira Estrella Galicia, que tamén usaba o catalán en Catalunya mais non o galego na Galiza.

Máis recentemente, en concreto a pasada semana, este xornal tamén deu conta da sentenza dun xulgado de Primeira Instancia do Porriño relacionado cun caso semellante, o da aseguradora Allianz, emitindo un veredicto en contra desta compañía por non garantir o acceso en galego á documentación requirida dunha póliza por parte da sociedade mercantil demandante.

O galego vende

Un estudo publicado pola Mesa pola Normalización Lingüística en decembro de 2020 sinalaban que 60,3% da xente nova sostén que o feito de que un produto estea anunciado en galego induce á compra.

"O textil é un sector inspirador e de referencias, sector no que é preciso traballar para que o galego goce dos mesmos dereitos que o castelán. Os datos que din que é preciso realizar cambios, xa que 95% da mostra considera agradable a utilización do galego e 70% di que o seu emprego reforza imaxe de marca, 60% recoñece que un producto anunciado en galego induce á compra e 95% considera necesario fomento e normalización. Que máis datos precisan as marcas do textil para realizar cambios? É unha necesidade, un dereito do que debemos gozar", expuxo entón a autora do informe, Anabel Antela.

Comentarios