Medio Ambiente

Un novo 'Prestige'? Millóns de pellets de plástico volven aparecer esparexidos en diferentes praias galegas

Sacos e pellets atopados nunha praia de Muros. (Fotos: Noia Limpa)
Isto é o que se sabe polo momento do inzamento destas bólas de plástico en areais das Rías Baixas, Muros e Noia.

Nas Rías Baixas e na ría de Muros e Noia levan aparecendo desde o pasado 13 de decembro "grandes cantidades" de pellets de plástico, dentro de bolsas de arredor de 25 quilos que tiñan impreso o nome dunha empresa, Bedeko Europe, con sede en Polonia. Desde a Asociación Noia Limpa seguen a alertar desta situación e precisan que se reportou recentemente a perda de mercadoría de seis contedores perto de Viana do Castelo, en Portugal.

Un deses contedores levaba pellets, pero, engaden, "non se sabe" cantos sacos portaba "nin que contiñan" os demais. Até a data este colectivo estima que se recolleron unhas 52 bolsas. Mais aínda "seguen chegando" noticias destes produtos dispersos e apareceron novas bolsas en diferentes praias das rías Baixas.

Esta cuarta feira había cinco bolsas e "moitos pellets" dispersos pendentes de recoller desde Muros até Ribeira. "Descoñecemos como está a situación no resto da Galiza", advirte a asociación. Nós Diario preguntou hoxe á Consellaría de Medio Ambiente polas medidas que se están a adoptar para paliar a afección dos pellets nos areais e o seu alcance, así como á empresa supostamente responsábel —Bedeko—, sen obter resposta até o momento actual.

Os pellets son pequenas bólas de plástico de menos de cinco milímetros de tamaño que son empregadas para fabricar produtos de plástico. Neste caso, puntualizan, as bolsas estaban identificadas como estabilizadores de luz UV e, polo seu pequeno tamaño e peso lixeiro, é "case imposíbel limpalos" unha vez que se esparexen polas praias.

A asociación difunde a través das súas redes sociais varias imaxes, así como mapas actualizados dos puntos nos que están atopado estes plásticos, e piden colaboración cidadá antes posíbeis novos avistamentos. Cada vez son máis as voces que alarman dun "novo Prestige" na costa galega.

No plano político, desde o BNG denunciaron hoxe esta situación a través das redes sociais e exixiron a depuración de responsabilidades: "O que está a acontecer na costa galega, especialmente en Muros, Noia, Ribeira... mais tamén na Mariña, demostra o que sempre denunciamos, a total indefensión do noso mar, tanto por parte da Xunta, como do Goberno español. O noso mar non é un vertedoiro. Xa abonda!".

Desde o Congreso, o deputado nacionalista Néstor Rego rexistrou hoxe unha serie de preguntas dirixidas ao Goberno español para tentar aclarar o sucedido e buscar unha pronta solución. Rego interpela o Ministerio de Transición Ecolóxica para saber se ten coñecemento das "distintas mareas de perlas de plástico" que están a chegar ao litoral da Galiza, así como para coñecer as medidas adoptadas —de ser o caso— e a súa posíbel colaboración con outras administracións, nomeadamente os concellos afectados, para coordinar a limpeza e pescudar a orixe destas verteduras.

Aliás, a asociación ecoloxista Adega chamou a Xunta da Galiza e o Goberno español a actuaren "de urxencia" para facer fronte a esta ameaza. "Malia a que a primeira alerta pública sobre a aparición destes residuos nas costas galegas tivo lugar o pasado 15 de decembro, até o momento, nin a Xunta nin Costas están a facer nada para controlar a afectación desta vertedura, detectar os puntos de contaminación ou proceder á retirada dos microplásticos", censuran, a través dun comunicado.

O peso principal dos labores de limpeza dos areais está a recaer principalmente en persoas voluntarias, confrarías de pescadores ou asociacións de protección civil, polo que "ningunha destas actuacións está sendo supervisada polas administracións púbilcas, nin contan con ningún tipo de intrucións, protocolo, seguro, ou apoio institucional", lamenta Adega.

"Ademais, este vertido, xa está afectando a algún espazo natural protexido, como é o caso dos areais de Corrubedo, polo que poderían estar exercendo un efecto negativo sobre hábitats e especies protexidas a nivel europeo e internacional", engaden, ao tempo que demandan a inmediata aprobación dun plan de continxencias "que procure a protección das persoas, do medio ambiente e dos bens que resulten afectados por sucesos accidentais".

E tamén hoxe a alcaldesa de Muros, María Lago, convocou unha rolda de prensa para alertar de que os municipios "non teñen capacidade para asumir a limpeza de todas as partículas que están chegando á costa" e que, de non actuar cedo o resto de administracións, isto pode derivar "en catástrofe". "Actuaremos, pero sós non podemos atallalo", alertou.

"Cada vez que sube e baixa a marea, a area queda sementada de bolas. Moitas quedan sobre as pedras, o que dificulta a limpeza", engadiu o rexedor de Porto do Son, outro dos concellos especialmente afectados pola contaminación, Luís Oujo.