O Barbanza mobilízase pola sanidade pública

Mobilización en defensa da sanidade pública decorrida en Compostela no mes de xuño. (Foto: Arxina)
Os recortes sanitarios afectan os hospitais e ambulatorios dos concellos da comarca.

A dotación de persoal na Atención Primaria nos centros do Barbanza así como nas urxencias no hospital de Ribeira, son algunhas das reivindicacións da mobilización que hoxe percorrerá este concello en defensa dos servizos sanitarios na comarca. A diferenza dos últimos anos, concretamente desde 2019, onde os servizos de Urxencias contaban con tres facultativos na quenda de noite nos meses de xullo e agosto, este ano só conta con dous. A maiores, a Plataforma en defensa da sanidade pública do Barbanza denuncia “os problemas de persoal nos servizos de Xinecoloxía, Pediatría, Radioloxía, Traumatoloxía e Medicina Interna” neste hospital.

A marcha, convocada por esta plataforma, partirá as 20.30 horas do centro de saúde de Ribeira. Os organizadores agardan unha presenza masiva da veciñanza de diversos puntos da zona.

A voceira da Plataforma en defensa da sanidade pública do Barbanza e pediatra do hospital de Ribeira, Marián Rodríguez, advirte a Nós Diario do “deterioro da sanidade pública nos seus diferentes niveis” e chama “a unha mobilización masiva para facer chegar ás Administracións as reivindicacións e exixir solucións ao problemas que padecen todas as persoas desta comarca”.

A situación da sanidade pública no Barbanza non é unha excepción. Ao igual que noutras comarcas galegas afronta unha serie de recortes que afectan os diversos niveis sanitarios. A un tempo, enfronta a perda de servizos no hospital de Ribeira, centro de referencia para máis de 62.000 veciñas e veciños dos concellos de Boiro, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son e Ribeira, e a redución da oferta na Atención Primaria.

Atención Primaria

A mellora de medios e dotacións na Atención Primaria é unha reivindicación chave. Actualmente a Consellaría de Sanidade mantén fechados os consultorios periféricos de Taragoña en Rianxo, de Cabo de Cruz en Boiro e de Palmeira en Ribeira. Precisamente, neste caso as autoridades sanitarias néganse a cubrir a baixa do facultativo que presta o servizo, deixando se atención a 1.200 doentes, obrigados a desprazarse Ribeira. Neste sentido, a veciñanza de Palmeira (Ribeira) leva semanas mobilizándose de xeito masivo para recuperar o servizo.

A falla de persoal é moi evidente no centro de saúde de Ribeira. Neste momento, só conta con oito médicos para atender 20.000 persoas, atopándose sen cubrir seis prazas de facultativos, tres de enfermaría e dúas de matronas. Porén, a situación non é nova, negándose a Xunta da Galiza a atender acordos parlamentarios unánimes, algúns deles desde febreiro de 2021, onde se demandaba unha solución a este caso.

Eivas en Rianxo

O deterioro da Atención Primaria déixase notar, tamén, en Rianxo. Ao feche de 2020 do consultorio de Taragoña, súmase, agora, a redución á metade  do cadro de persoal médico do centro, concretamente após asumir os doentes de Taragoña e nun momento onde poboación da vila aumenta de xeito considerábel. Asemade, a Xunta da Galiza mantén fechado en horario de tarde o Punto de Atención Continuada (PAC) da localidade, privando nese período a veciñanza do servizo de urxencias.

Boiro é outro dos puntos quentes do distrito sanitario. A maiores da clausura do consultorio de Cabo de Cruz, cuxos doentes son derivados desde 2020 ao centro de saúde de Boiro, o centro sanitario deste concello ten catro prazas de médicos e enfermeiros vacantes, non estabelecendo reforzos para responder ao aumento de poboación estival nesta vila de marcado carácter turístico.

Falta de médicas na Pobra

A situación non é mellor na Pobra do Caramiñal. Nesta localidade existen dúas prazas médicas sen cubrir e moita preocupación pola "presión exercida" pola xerente da área sanitaria de Compostela-Barzanza, Eloína Núñez, curmá de Alberto Núñez Feixoo, aos concellos do distrito sanitario para fechar os PAC e transferir as urxencias ao hospital comarcal de Ribeira. Neste sentido, desde a Plataforma en defensa da sanidade pública do Barbanza critican a proposta da xerente porque provocaría a saturación dun servizo hospitalario xa desbordado.

Ferrol e O Rosal

O Rosal acolle mañá as 12 horas unha concentración contra “o continuo desmantelamento da Primaria no municipio e na comarca” e “pola defensa dun servizo de sanidade pública”. Ademais, persoal do Hospital Marcide de Ferrol denuncia a situación do servizos do centro, onde doentes adoitan a agardar entre 24 e 48 horas nunha padiola antes de ser atendidos polos sanitarios.