Baltar non puido esquivar a denuncia por ofrecer traballo a cambio de sexo

Baltar con Feijóo na súa reelección como presidente do PP de Ourense [Imaxe: PPdeG]

A xuíza de instrución rexeitou anular a causa como solicitou o avogado do líder do PP de Ourense.

Na terza feira (15 de marzo) prestaron declaración perante a xuíza de instrución José Manuel Baltar e a muller que o denunciou por un presunto delito de acoso sexual. 

Embora a defensa do presidente da Deputación de Ourense e tamén lider do PP nese territorio pediu inicialmente a anulación da causa, a titular do Xulgado nº3 rexeitou adoptar tal medida e escoitou as partes en calidade de imputadas --por un presunto delito de suborno-- mais tamén de agraviada no caso da muller, o que mantén abertas as pescudas por suposto acoso sexual.

Baltar negouse a responder cando a xuíza lle preguntou se recoñecía a súa voz nas gravacións

A denunciante, T.F.C., mantivo a súa versión dos feitos segundo a cal José Manuel Baltar lle ofreceu traballo a cambio de manteren relacións sexuais algo que tería acontecido embora non se cumpriren as promesas do daquela fillo do presidente da Deputación Provincial. 

Pola súa banda, Baltar negou tales acusacións mais rexeitou responder á maxistrada cando lle preguntou se recoñecía a súa voz nas gravacións achegadas pola denunciante. Así mesmo, acolleuse ao seu dereito de non declarar ás preguntas do letrado da denunciante e de Democracia Ourensana, que se presenta como acusación particular no caso. 

A denunciante mantivo as súas acusacións

Pola súa banda, a muller tamén optou por responder unicamente ás cuestións formuladas pola xuíza e a súa defensa. 

Á saída dos Xulgados Xosé Manuel Baltar rexeitou facer declaracións, unha actitude que mantén desde que saíu á luz pública o presunto delito. Porén, o seu avogado asegurou que o líder popular está a ser vítima dunha "intimidación" e que ficou claro que o seu cliente "non cedeu en ningún momento a presións, intimidacións e mesmo ameazas" para que contraviñese a lei.