Baltar, imputado por acoso sexual

José Manuel Baltar [Imaxe Deputación de Ourense]

A xuíza desestima os recursos presentados pola defensa e a Fiscalía que pedían o arquivo da causa.

O presidente da Deputación de Ourense terá que enfrontarse a un proceso xudicial por presunto delito de acoso sexual. Así o indicou no seu auto a xuíza de instrución que o engadiu á causa por suborno e tráfico de influencias ao fío da denuncia presentada por unha veciña de Ourense

Baltar e a denunciante están chamadas a declarar o 10 de marzo 

Neste senso, a maxistrada desestimou os recursos presentados pola defensa de José Manuel Baltar e da propia Fiscalía que pedían o arquivo da denuncia e vai para alén diso pois chama a declarar o 10 de marzo á denunciante como imputada e como prexudicada o que mantén o presunto delito de acoso escolar. Asemade, tamén se presentou como acusación particular Democracia Ourensana. 

A xuíza desestima os recursos da Fiscalía e da defensa que pedían o arquivo da causa

No auto, a responsábel do xulgado de instrución sinala que das gravacións de voz achegadas pola denunciante despréndese que Baltar "solicita ou cando menos acepta" da muller "un favor de natureza sexual" a cambio dun posto de traballo na institución provincial que, na altura, presidía o seu pai ao que "se comprometía a facelo posíbel", subliña. 

Así mesmo, recolle o documento xudicial, para se producir o suborno e tráfico de influencias exíxese "conduta puníbel do particular", neste caso a denunciante, "que entrega retribución (ou favor de natureza sexual) á autoridade ou funcionario público (Baltar) para realizar un acto contrario aos deberes do seu cargo", embora este feito non chegue a cumprirse.