A incesante caída demográfica da Galiza: entre xaneiro e setembro morreron 15.410 persoas máis das que naceron

Entre xaneiro e setembro de 2022 naceron 10.811 crianzas no país. (Foto: Nós Diario)
Nos nove primeiros meses do presente ano producíronse menos nacementos que en 2021 e 2019, ao tempo que se incrementaron as defuncións en comparanza con eses dous anos.

Esta mesma terza feira o planeta recibiu o seu habitante número 8.000 millóns. O seu nome é Damián, e naceu á primeira hora do día na República Dominicana. Pouco máis dunha década atrás, en 2011, superárase a barreira dos 7.000 millóns. A poboación mundial prosegue así un imparábel crecemento que, con todo, non se produce por igual en todo o globo.

Mentres as áreas máis poboadas seguen a aumentar, outras, como é o caso da Galiza, atópanse inmersas nun proceso contrario, de perda de habitantes. Segundo os datos que publica esta cuarta feira o Instituto Nacional de Estatística (INE), o pasado mes de setembro producíronse 1.287 nacementos no conxunto do país, o que supón unha caída de 5,4% en comparanza co mesmo período de 2021, cando foran 1.361.

Con base nestes mesmos rexistros conclúese que no que vai de ano —até setembro— naceron 10.811 crianzas, isto é, 2,78% menos que nos nove primeiros meses do exercicio previo e até 8,87% menos que entre xaneiro e setembro de 2019, o último ano previo á irrupción da pandemia.

Por circunscricións, na Coruña naceron 548 nenos (-10,7%), mentres que en Lugo houbo en setembro 156 nacementos (+10,6%), así como en Ourense, que contabilizou 110 bebés (-12%). Pola súa parte, en Pontevedra naceron 473 en setembro (-1,6%).

A poboación segue en descenso

No extremo oposto da balanza demográfica, até a semana 43 do presente ano —a última de outubro— faleceron 28.607 galegas e galegos, un incremento de 7,5% tomando como referencia o mesmo período de 2021, e até 12% máis comparando con 2019.

Deste modo, dado que entre xaneiro e setembro de 2022 naceron 10.811 persoas e finaron outras 26.221 —dato da semana 39, a última de setembro, e non da 43—, a balanza do crecemento vexetativo evidencia un resultado negativo de -15.410 persoas, un problema que xa tornou en crónico no país.

De feito, segundo as Proxeccións de Poboación 2022-2072 publicadas o pasado mes polo INE, a Galiza perderá case 35.000 habitantes até 2037, ficando para entón con perto de 2,65 millóns de persoas, o que representaría 1,3% menos que na actualidade.

Deste modo, o país ficará entre os territorios do Estado español que perderían poboación nos próximos 15 anos, canda Castela e León (-96.888 habitantes), Asturias (-66.921 habitantes) e Estremadura (-50.996 habitantes) á cabeza. A Galiza sería cuarta dunha listaxe que fechan Ceuta (-7.327 persoas) e Melilla (-2.571 persoas). O resto gañarían poboación neste período.