Nace Damián, o habitante número 8.000 millóns da Terra

O bebé chegou ao mundo nas últimas horas na República Dominicana.
Os nacementos baixan con respecto ao ano pasado (Foto: Nós Diario)
photo_camera O dominicano Damián fixo historia nada máis nacer. (Foto: Nós Diario)

O 31 de outubro de 2011, hai xa máis dunha década, o planeta Terra superaba a barreira dos 7.000 millóns de habitantes. Esta mesma terza feira, día 15 de novembro, a poboación mundial alcanza un novo fito histórico: 8.000 millóns de persoas.

Damián, un bebé nado en Santo Domingo (República Dominicana) nas últimas horas con 52 centímetros de altura e 2,77 quilogramos de peso, será por sempre lembrado como ese habitante número 8.000.000.000, segundo recolle o Fondo de Poboación das Nacións Unidas (UNFPA, en inglés) a través da campaña de conteo '8 Mil Millóns Máis Fortes'.

Trátase, con todo, dunha estimación que fai Nacións Unidas, pois resulta imposíbel saber con certeza cal é o nacemento que marque un número tan preciso de habitantes en todo o mundo. Esta terza feira, segundo o conteo da ONU, alcánzanse os 8.000 millóns de persoas, polo que as aproximacións levaron o pequeno Damián a obter esta distinción.

Sonia Vásquez, representante do UNFPA na República Dominicana, asegurou esta terza feira que a chegada ao mundo de Damián "representa moita esperanza en que todas as crianzas que nazan neste planeta sexan recibidos en condicións. É o que procuramos, cero mortes maternas, cero morbilidade, cero enfermidades e saúde".

Distribución da poboación mundial

No presente ano, o continente máis poboado do planeta é, con diferenza, Asia, con máis de 4.700 millóns de habitantes. A nivel nacional, a China fica á cabeza (1.448 millóns), seguida moi de perto da India (1.393 millóns).

África é a segunda nesta clasificación, mais a unha ampla distancia de Asia, cun total de 1.406 millóns de persoas en 2022 e con Nixeria no primeiro posto a nivel continental (216 millóns).

En terceiro lugar, con máis de 1.030 millóns de habitantes, fica América, incluíndo neste conteo tanto a do Norte como a do Sur, e o país máis poboado son os Estados Unidos (334 millóns).

Europa prosegue na táboa, con máis de 747 millóns de habitantes e Rusia á cabeza (145 millóns), mentres Oceanía ocupa o último posto cuns 44 millóns de persoas e Australia liderando con máis da metade, 26 millóns.

Segundo as proxeccións da ONU, o planeta Terra arrincará a década de 2040 con case 9.200 millóns de habitantes, e superará o limiar dos 10.000 millóns entre 2055 e 2060.

Comentarios