BA.2, así se comporta a subvariante silenciosa de Ómicron

Análise de coronavirus nun laboratorio (Imaxe: Marwan Naamani)
A OMS pide que se investigue esta subliñaxe antes de que represente una nueva amenaza na loita contra a pandemia. 

A ministra de Sanidade, Carolina Darias, sinalou que a evidencia científica dispoñíbel até o momento apunta que a nova subvariante de Ómicron, denominada BA.2, ten un proceder "parecido" á liñaxe dominante na Galiza mais no conxunto do Estado, a B.1.1.529.

"Veremos como se comporta BA.2. Está en estudo, é incipiente en Dinamarca, algo na India, un pouquiño en Suecia... A información que temos, con toda a prudencia, é que se comporta parecido á BA.1", sinalou esta quinta feira a responsábel de Sanidade.

Nas últimas horas, a secretaria de Saúde Pública da Generalitat de Catalunya, Carmen Cabezas, avanzou que están a realizar a secuenciación de "un ou dous casos" de Covid que poderían corresponder a BA.2, descrita en máis de 40 países entre os que se atopan Dinamarca, Reino Unido, a India e Noruega.

Cabezas aclarou que teñen que realizar a secuenciación completa para confirmar os casos pero advertiu que, se se detectou en 40 países, esta subvariante tamén chegará a Catalunya.

Invisíbel ás PCR

As publicacións que hai actualmente sobre esta nova subvariante apuntan que podería ter máis mutacións que Ómicron e que podería ser máis transmisíbel, mais non hai evidencias de que teña unha maior gravidade nin unha maior capacidade de escapar ás vacinas.

Ademais, ten unha "complicación engadida" respecto a a variante Ómicron e é que non ten a deleción no xene S, o que segundo Cabezas permitía saber rapidamente se se correspondía ou non a Ómicron ao realizar unha proba PCR. Mais isto non significa que escape aos tests se a persoa está infectada. 

Unha vaga diferente

Sobre a evolución da pandemia e a preponderancia de Ómicron, a ministra apuntou que a situación actual "non é igual á de ondas anteriores", debido a que esta variante é máis transmisíbel pero tamén xera menor gravidade de casos. Así, defendeu a necesidade de "seguir adaptando as estratexias á situación epidemiolóxica en cada momento".

Darias celebrou certa "retardación" na velocidade de crecemento de casos na última semana, que podería corresponderse cunha "estabilización e mesmo un descenso na incidencia".

"As características son diferentes ás de ondas anteriores. A pesar das altas incidencias, que son até sete veces superiores ás de hai un ano, na terceira onda, os indicadores de gravidade son sensibelmente inferiores", resaltou.

A ministra responsabilizou deste extremo ás vacinas, poñendo como exemplo que en maiores de 80 anos o risco de infección é 12 veces superior se non estás vacinado. O de hospitalización 10, o de acabar na UCI 16 e o de falecer até vinte. "Os datos son concluíntes, poñen de manifesto o poder das vacinas. Falan por si sos", apostilou.