A Axencia Tributaria inspecciona 12 locais nunha operación contra a fraude fiscal no sector da madeira

Un camión que transporta madeira, ao seu paso polo municipio de Viveiro, na comarca da Mariña (Foto: José Muñoz Carrasco).
A operación ten como obxectivo a comprobación de sociedades dedicadas á comercialización da madeira -incluídos produtos derivados, como portas, vigas ou taboleiros- nas cales se analizaron unha serie de indicios da existencia de economía mergullada e fraude fiscal.

A Axencia Tributaria iniciou unha actuación coordinada en 15 autonomías do Estado español contra a fraude fiscal no sector da madeira que afecta a 84 sociedades e 37 persoas físicas vinculadas, entre socios, administradores e persoas da contorna familiar. Nela inspeccionáronse 12 locais na Galiza.

Nun comunicado, a Administración fiscal sinalou que esta operación, denominada 'Llamera', contou coa participación de 350 funcionarios, así como co apoio de axentes policiais, o que permitiu a comparecencia de inspectores en 88 locais das sociedades inspeccionadas desde que se iniciase na cuarta feira.

Estes locais atópanse na Galiza (12), Andalucía (7), Aragón (6), Asturias (2), Balears (1), Canarias (9), Cantabria (2), Castela-A Mancha (2), Castela e León (6), Catalunya (8), Estremadura (1), Madrid (8), A Rioxa (1), Murcia (2) e País Valencià (21).

A operación ten como obxectivo a comprobación de sociedades dedicadas á comercialización da madeira -incluídos produtos derivados, como portas, vigas ou taboleiros- nas cales se analizaron unha serie de indicios da existencia de economía mergullada e fraude fiscal.

Así, dentro do conxunto de contribuíntes analizados, identificáronse sociedades cuxos socios presentan riscos de incrementos patrimoniais non xustificados, que poderían deberse a vendas ocultas da entidade que se estivesen materializando en incrementos patrimoniais dos seus socios, un risco que afecta a máis da metade das sociedades que se comezaron a inspeccionar, segundo detallaron desde a Axencia Tributaria nun comunicado.

Desde a Administración fiscal tamén sinalaron que, á hora de seleccionar as empresas para comprobar, tivéronse en conta que moitas das persoas físicas vinculadas ostentan signos externos de riqueza que poderían constituír indicios de ocultación de ingresos, como o aluguer de caixas de seguridade ou nalgún caso a utilización de tarxetas bancarias persoais con fortes gastos.

Coa operación 'Llamera' son xa 23 as macrooperacións sectoriais coordinadas despregadas pola Axencia na última década, cun resultado até o fechamento do pasado ano de máis de 2.000 expedientes finalizados e ingresos por importe de 386 millóns de euros.