Avogados saharauís ven "discriminatorio" e "sen base xurídica" excluír as persoas apátridas do proceso de regularización
A Asociación de Avogacía Saharauí no Estado español protestará formalmente ante o Goberno estatal.
O avogado Sidi Mohamed Talebuya criticou a exclusión de solicitantes saharauís do proceso extraordinario de regularización previsto no novo Regulamento de Estranxeiría, que aprobou o Consello de Ministros esta terza feira, ao considerar que se trata dunha decisión "discriminatoria e carecedora de base xurídica".
Talebuya lembrou que anteriores borradores do regulamento incluían tanto a solicitantes de asilo como a solicitantes de apatridia entre os posíbeis beneficiarios da medida, pero que o último informe do Consello de Estado desaconsellou esa inclusión ao advertir que "podería xerar confusión". "O propio informe non é vinculante e, aínda así, o Goberno optou por deixar fóra a este colectivo sen unha xustificación sólida", sinalou.
Aliás, insistiu en que existían alternativas normativas para non deixar fóra aos apátridas, incluso asumindo as recomendacións do Consello de Estado. Ao seu xuízo, o Goberno "podía optar por unha disposición adicional específica para as persoas apátridas, con idénticos requisitos e condicións que a prevista para os solicitantes de protección internacional", de forma que "se evitaría calquera confusión técnica sen sacrificar os dereitos deste colectivo".
O letrado subliñou que a protección internacional e a apatridia están amparadas por convenios internacionais -a Convención de Nova York sobre o Estatuto dos Apátridas e a Convención de Xenebra sobre os Refuxiados- que estabelecen a obrigación dos Estados de ofrecer unha "protección especial". Neste senso, advertiu de que excluír exclusivamente ás persoas apátridas expón dúbidas sobre a motivación política da decisión, tendo en conta que "máis do 95% dos solicitantes son saharauís".
Segundo Talebuya, no Estado español existen unhas 8.000 solicitudes de apatridia pendentes de resolución, cunha demora media de entre dous e tres anos, a pesar de que o Real Decreto 865/2001 fixa un prazo máximo de tres meses. "É unha cuestión de tempo e de dereitos; está a castigarse a quen iniciou un procedemento legal para regularizar a súa situación", indicou.
O avogado salientou que os solicitantes de apatridia non poden traballar durante a tramitación do seu expediente, a diferenza dos solicitantes de asilo, que obteñen unha autorización provisional de emprego aos seis meses. "Hai persoas que levan anos esperando para poder traballar legalmente. Falamos dun dereito fundamental, o dereito ao traballo, que estas persoas non poden exercer", insistiu.
Aliás, lembrou que unha das motivacións deste procedemento é reparar a penalización no arraigamento que o novo Regulamento de Estranxeiría aplicaba aos solicitantes de protección internacional que vían denegada a súa solicitude posto que, ao aplicar a xurisprudencia do Tribunal Supremo, impide cuantificar como período residido no Estado español o tempo de tramitación da súa solicitude.
Finalmente, avanzou que a Asociación de Avogacía Saharauí no Estado, da que é presidente, emitirá un comunicado para protestar formalmente ante o Goberno estatal, aínda que recoñece que a marxe de actuación é limitado, dado que a medida se adopta no marco das competencias exclusivas do Executivo. "Iso non impide que exerzamos o noso dereito como cidadáns a denunciar unha inxustiza", concluíu.

