O avogado do Estado advirte de que inventariar Meirás "levará un tempo"

Fotógrafos de distintos medios acudiron a Meirás. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Mentres no pazo de Sada hai certos avances, en Compostela retómanse os trámites para recuperar pezas do Mestre Mateo que pertencían á catedral e que están en poder da familia do ditador.

O avogado do Estado xefe na Galiza, Javier Suárez, recoñeceu a preguntas dos medios que facer o inventario de todos os bens que hai no Pazo de Meirás “levará un tempo”. Manifestouse así após pasar catro horas no inmoble e afirmou que aínda “hai que ver o que hai”.

Cando abandonou a propiedade, que en menos dun mes terá que pasar de mans dos Franco ao Estado (malia que sexa de forma temporal, polo de agora), explicou que os técnicos seguían dentro traballando en labores previas.

Respecto ao prazo concreto para ter todo en listaxes e evitar que a familia do ditador leve cousas que corresponderían ao pobo, Suárez recoñeceu que non ía estar no día. “Tardará”, acertou a comentar.

Non hai que esquecer que xa só da biblioteca de Emilia Pardo Bazán, que a Xunta e a Real Academia Galega acordaron declarar BIC na súa totalidade, quedan arredor de 3.200 volumes en Meirás.

As estatuas

Hai tempo que transcendeu que os muros do pazo sadense tamén gardaban dúas esculturas orixinarias da catedral de Compostela. Malia que parece que estas foron trasladadas de ubicación, seguen cos Franco polo que o Concello e a Xunta xa están estudando unha estratexia para recuperar eses elementos patrimoniais.

É un grupo de expertos, presidido polo profesor de Historia Contemporánea da USC, Emilio Grandío, o que analiza as posibilidades para recuperar a titularidade pública das obras do Mestre Mateo.

“O traballo comeza agora”, afirmou o docente, que ten a tarefa de xuntar toda a documentación sobre as figuras de Abraham e Isaac que estaban na desaparecida porta occidental da catedral.