Novo pulo á devolución das estatuas do Mestre Mateo en mans dos Franco

Xunta e Concello de Santiago estudan a apertura dun novo proceso xudicial para lograr a devolución ao patrimonio público das estatuas de Abraham e Isaac, en posesión dos herdeiros de Franco.
abraham e isaac
photo_camera As estatuas Abraham e Isaac do Mestre Mateo.

A Xunta e o Concello de Santiago comezaron a avaliar o inicio dun novo proceso xudicial para lograr a devolución ao patrimonio público das estatuas do Mestre Mateo, actualmente en posesión dos herdeiros do ditador Francisco Franco. 

Ambas as dúas Administracións acordaron constituír nos próximos días un grupo de traballo con expertos xurídicos e históricos que analizarán a aparición de nova documentación e evidencias sobre estas pezas.

A decisión de iniciar este novo procedemento comunicárona este sábado o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o rexedor local, Xosé Sánchez Bugallo, após reunirse para discutir os novos achados documentais e a situación na que se atopa o proceso de recuperación das estatuas de Abraham e Isaac.

Sería unha vergoña nacional que non se recuperasen" as pezas para o patrimonio público da Galiza.

A actuación aberta polo anterior Goberno municipal atopou diferentes impedimentos legais e resolucións non favorábeis, actualmente pendentes do amparo do Tribunal Supremo. A causa destes atrancos está na ocultación e desaparición dos expedientes que terían que constar no arquivo municipal do Concello, máis aló dunha acta plenaria na que se acorda a adquisición das pezas.

A pesar destes obstáculos e unha vez iniciado xa o anterior proceso xudicial, descubríronse novas probas e importantes documentos que acreditan a historia das pezas. Entre eles, un escrito de compravenda no arquivo da Universidade, multitude de correspondencia e documentos que mostran "de forma inequívoca" que as esculturas en posesión do Franco eran propiedade da Administración local.

Historia da propiedade

Os Abraham e Isaac do Mestra Mateo acabaron no poder do Concello da capital galega en 1947. A institución mercoullas ao conde de Xismonde, que as gardaba desde o século XVIII no seu pazo de Vedra, por 60.000 pesetas da época. O nobre incluíu no documento de compra unha cláusula pola que se as obras deixaban de pertencer ao patrimonio municipal habería que indemnizalo con 400.000 pesetas.

As esculturas estiveron uns anos na escalinata do Pazo de Raxoi até que reapareceron nun catálogo dunha mostra de arte románica en Barcelona como propiedade de Francisco Franco. Desde a Administración local sempre defenderon que non consta ningún documento sobre a cesión das estatuas a Franco por parte do Concello de Santiago, mais existen testemuños que apuntan a que "as pezas foron un agasallo a Carmen Polo na visita que o ditador realizou a Santiago en 1954".

Novas oportunidade

Bugallo contrapuxo as novas evidencias á actitude da familia Franco, que non foi capaz de acreditar "como chegou a adquirir esas esculturas" salvo por unha declaración xenérica dun anticuario "non identificado", sen contrato e nunha data "sen identificar".

A documentación proba como as pezas, que desapareceron nos anos 50 das dependencias municipais da capital galega, reapareceron na mencionada exposición sobre o románico como propiedade de Francisco Franco, e posteriormente no Pazo de Meirás; polo que a actual corporación municipal solicitou á Xunta a constitución deste grupo de traballo para buscar a vía de aproveitar estes novos achados.

"Sería unha vergoña nacional que non se recuperasen" as pezas para o patrimonio público da Galiza, co fin de que se poidan instalar no Museo da Catedral ou no Museo das Peregrinacións, salientou.

Pola súa banda, o titular de Cultura, Román Rodríguez, reivindicou o éxito logrado co caso do Pazo de Meirás para defender que cando as Administracións traballan "conxuntamente, con rigor, fundamentos xurídicos e históricos, ao final as cousas caen polo seu propio peso".

Un hipotético novo proceso xudicial non suporía o abandono da vía que se atopa aberta actualmente, á espera da decisión do Supremo.

"E neste caso imos facer o mesmo", aseverou Rodríguez, para incidir en que a Xunta sempre estivo e estará "á beira" do Concello "apoiando esta lexítima reivindicación", como demostrou no seu día coa declaración das pezas como Ben de Interese Cultural.

Unha vez conformado, o grupo de traballo experto estudará todo o material dispoñíbel para determinar a vía de acción "que teña máis posibilidades legais e xurídicas". De momento "non se descarta ningunha hipótese", engadiu Sánchez Bugallo, quen lembrou que un hipotético novo proceso xudicial non suporía o abandono da vía que se atopa aberta actualmente, á espera da decisión do Supremo.

Esculturas da fachada occidental da catedral

As estatuas de Abraham e Isaac forman parte dun conxunto de nove esculturas atribuídas ao Mestre Mateo procedentes da desaparecida portada occidental da Catedral de Santiago de Compostela. 

Trátase dunha serie de pezas e figuras románicas dunha cronoloxía comprendida entre o ano 1188 e o 1211 e que, aínda que estea fóra do seu contexto orixinal, permiten a identificación do proxecto arquitectónico da basílica compostelá. Este conxunto de obras implicaron un profundo cambio no templo durante o seu proceso construtivo, outorgándolle personalidade ao conxunto da obra e completando a mensaxe do Pórtico da Gloria.

Comentarios