AVE: viaxar a Madrid por 15 euros

O tren AVE que viaxou esta segunda feira até Ourense. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
Renfe dálle publicidade á estrea do servizo entre Galiza e a capital do Estado español coa venda de 250.000 pasaxes por este prezo estábel, con independencia do orixe e o destino. Servirá para os traslados en AVE e Alvia. Curiosamente, isto implica que o traxecto para chegar a Madrid  resulte igual de prezo ou moito máis barato que para desprazarse dentro do propio país.

Após a primeira viaxe de probas do AVE entre Madrid e Ourense, que se prolongou algo máis de dúas horas e 15 minutos, Renfe vén de anunciar que esta terza feira porá á venda billetes por 15 euros.

A iniciativa, que estará activa durante dúas semanas, pretende impulsar a nova conexión entre a Galiza e a capital do Estado español, despois de anos agardando pola infraestrutura.

Os pases a un custo reducido son para reservar asento entre o 21 de decembro e o 12 de setembro de 2022

No entanto, mentres que os pases estarán á venda esta terza feira, os novos trens non comezarán a operar pola liña de alta velocidade até o próximo 21 de decembro.

Polo menos son as previsións que existen neste momento.

En calquera caso, o prezo inaugural é reducido pois se pagarán 15 euros con independencia do orixe e o destino e será posíbel aproveitar a promoción quer nos AVE, quer nos Alvia (que xa circulan por Galiza).

A pesar de que estes últimos xa se poden ver pola rede ferroviaria do país hai moitos anos, os pases a un custo reducido son para reservar asento entre o 21 de decembro e o 12 de setembro de 2022.

Iso si, haberá que ser lixeira ou lixeiro á hora de fechar a compra porque só hai 250.000 billetes dispoñíbeis nestas condicións vantaxosas.

De feito, esta proposta de Renfe contrasta cos prezos existentes dentro da propia Galiza, moito máis elevados para cada viaxe. A mobilidade ferroviaria no país supón un investimento maior por parte das e dos usuarios do tren.

Por exemplo, moverse entre dúas das principais cidades galegas -A Coruña e Ourense- implica un custo de 11,25 a 25,30 euros a viaxe (segundo o tipo de tren no que se realice o traslado). Os Avant e os Alvia son os que resultan máis caros.

Entre Vigo e A Coruña a butaca máis barata que se pode atopar actualmente sae por 12,20 euros, nunha viaxe con todas as paradas intermedias. No entanto, a taxa media está entre os 15,85 e os 18,70 euros.