Unha avaría nun muíño eólico provoca un pequeno incendio na Serra do Faro

(Foto: Bombeiros UGT)

Ardeu hectárea e media de monte raso. É o segundo incidente deste tipo nesa serra no que vai de ano.

Un incendio calcinou un dos muíños existentes no parque eólico de Penas Grande, e derivou nun pequen o incendio na contorna do aeroxenerador que calcinou hectárea e media de terreo.

Do suceso informa El Progreso, que lembra que no que vai de ano é xa o segundo muíño eólico que arde na zona da Serra do faro.

Os bombeiros de Chantada foron os que se desprazaron até a zona para sufocar o lume, contando co apoio no operativo da Garda Civil e unha brigada forestal.

No operativo tamén participou un helicóptero para colaborar na extinción do lume.

Biosfera

Galiza conta desde mediados de novembro con sete reservas da biosfera. Aos espazos naturais da Área de Allariz, Os Ancares-Montes de Cervantes, Xurés-Gerês, As Mariñas Coruñesas-Terras do Mandeo, río Eo-Oscos-Terras do Bourón e Terras do Miño sumáronse, nun proxecto de conservación conxunto, a Ribeira Sacra e as serras do Iribio e O Courel.

Nos 23 concellos que abrangue a Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra e as serras do Courel e O Iribio están actualmente en funcionamento catro parques eólicos: Chantada, promovido no municipio homónimo por Galiza Vento SL; Montes de Abella, en Triacastela, impulsado por Invereólica de Abella SL; Serra das Penas, de Enel Green Power —filial de Endesa— en Paradela, e un cuarto que leva o nome desta última vila, propiedade tamén de Enel. Todos eles suman un total de 62 aeroxeneradores, e unha potencia instalada de 119 megawatts (MW).

Mais cómpre engadir os 13 proxectos que actualmente se atopan en diferentes fases de tramitación ou solicitude previa a través da Xunta da Galiza e o Goberno do Estado. A galega Greenalia, da que é directiva a ex conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato, quere impulsar en Samos e Triacastela os parques Levante e Monteiro, o primeiro de 19 muíños e 106,4 MW e o segundo de cinco turbinas e 33,6 MW. E entre Paradela e O Saviñao prevé erguer o polígono eólico Coto dos Chaos, tamén composto por cinco aeroxeneradores e 33,6 MW.