Autoridades dos EUA descartan identificar a orixe das gravacións da Maruxaina subidas a webs pornográficas

Manifestación de apoio ás mulleres gravadas nas festas da Maruxaina, en abril de 2021. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
O xulgado de Viveiro, que investiga os feitos, enviara unha comisión rogatoria a Estados Unidos para solicitar que se identificasen as IP dos computadores desde os que se subiron a diferentes webs de contido pornográfico os vídeos, gravados durante as festas da Maruxaina, en Cervo, en 2019.

A petición realizada polo Xulgado de Viveiro a Estados Unidos (EUA) para identificar desde onde foron subidos a webs de contido pornográfico os vídeos gravados na festa da Maruxaina (concello de Cervo), nos cales se ve a mulleres ouriñando na rúa, foi rexeitada.

En concreto, as autoridades estadounidenses contestaron aos xulgados galegos que non é posíbel identificar as direccións IP dos computadores desde onde foron subidas á rede estas gravacións nin, por tanto, os seus usuarios.

O xulgado de Viveiro, que investiga os feitos, enviara unha comisión rogatoria a Estados Unidos para solicitar que se identificasen as IP dos computadores desde os que se subiron a diferentes webs de contido pornográfico os vídeos, gravados durante as festas da Maruxaina, en Cervo, en 2019.

Con todo, as autoridades estadounidenses responderon de forma negativa, alegando que os servidores desas web non están aloxados en Estados Unidos ou non teñen obriga de almacenar eses datos, polo que non poden obterse nin trasladarse.

O último paso na investigación dos vídeos da Maruxaina concluíu este pasado mes de febreiro, cando o xulgado de Viveiro finalizou a toma de declaración do máis dun centenar de mulleres vítimas destes feitos.

Investigación

A investigación polas gravacións realizadas a mulleres ouriñando na vía pública na Maruxaina, logo colgadas en páxinas web de contido pornográfico, foi arquivada nun primeiro momento.

Con todo, en virtude dos recursos das partes, a Audiencia de Lugo obrigou a reabrila. Un dos puntos esenciais pasa pola identificación das persoas que gravaron e subiron eses vídeos á rede.