Encontro sobre utopías reais o 5 e o 6 de outubro

Autoprodución, ecoloxía, solidariedade: Mostra do Posible en Cangas

A Mostra do Posible de 2018, en Cangas. Foto: Mostra do Posible.
“Queremos visibilizar que existen alternativas para construír un mundo máis xusto”. As “utopías reais”, segundo o concepto do sociólogo estadounidense Erik Olin Wright. E o resumo das intencións de Mostra do Posible, un encontro de entidades de economía solidaria e movementos sociais que decorrerá en Cangas do Morrazo o 5 e o 6 de outubro.

Conferencias, debates e encontros conforman o programa dunha cita que esta ano, o terceiro consecutivo en que se celebra, inclúe unha Feira de Ecoloxía e Artesanía. Nela a organización quere acoller “moitas iniciativas individuais que traballan para acadar as mesmas finalidades dende a autoprodución, a artesanía ou a produción ecolóxica”.

A Mostra do Posible abriu o prazo para solicitar postos na feira – que será na Alameda Nova ou, de chover, na Casa da Cultura- ou propoñer actividades a través do seu web (mostradoposible.gal). Da primeira edición, en 2017, fixeron parte 52 entidades. Da segunda, o pasado ano, 45.  

“As empresas de economía solidaria están confeccionando potentes ferramentas de transformación colectiva, que buscan cooperar en lugar de competir e poñen as persoas no centro”, explica a organización, “e os movementos sociais buscan influír na toma de decisións sobre o que é de todas, e defenden que outro tipo de políticas é posíbel”.

O programa final da Mostra do Posible darase a coñecer nos vindeiros días.