A autodiagnose de enfermidades mentais en adolescentes, unha moda perigosa

Estudantado adolescente (Foto: Santi Alvite)

O nivel de influencia que teñen as redes sociais é “multiplicador”

'Son TOC' ou, mesmo, 'Son Límite'; son autodiagnósticos que os especialistas están a escoitar nas consultas de boca de adolescentes. Unha moda "preocupante", alertou a psicóloga clínica Maria Pilar Berzosa, que pode acabar en autolesións ou suicidio.

É o que en psicoloxía se coñece como “profecía autocumpridora”, isto é, cres algo e o cerebro empézache a demostrar que o tes. Así, se tes unha teima e dis que tes TOC (Trastorno Obsesivo Compulsivo) intensificarás inconscientemente esa teima e corroborarás que tes un TOC. Este fenómeno, coñecido como “autoetiquetaxe”, é preocupante porque o nivel de influencia que teñen as redes sociais é multiplicador, relatou nunha entrevista á axencia Europa Press Berzosa, profesora do Grao en Psicoloxía da Universidade Internacional da Rioxa (UNIR).

Unha das consecuencias da era dixital é que os menores están máis expostos que nunca a unha gran cantidade de información sobre saúde mental e estase observando, a partir dos quince anos, como moitos cren que teñen un trastorno.

"O diagnóstico máis grave que estamos a ver é o Trastorno Límite da Personalidade, que é un cadro que mesmo está acompañado moitas veces con autolesións, trastorno alimentario, depresión", relatou. Non se pode diagnosticar na adolescencia, diagnostícase a partir de que a persoa é adulta e "é moi grave", indicou, "que vexamos adolescentes ir a unha consulta e dicir: eu son límite". "Iso interfire no traballo coa persoa porque, primeiro, hai que quitarllo da cabeza e é un problema enorme", sinalou.

Para a saúde mental "é unha situación preocupante porque o exceso de información prexudica as adolescentes. É verdade que naturalizaron ir ao psicólogo, xa non é de tolos", pero está a darse a situación de que "veñen cun autodiagnóstico e retroaliméntanse entre eles en grupos sociais".

Plan de actuación educativo

Para esta psicóloga clínica tería que facerse un plan educativo de detección deste tipo de problemática para que os centros, igual que hai un protocolo para o bullying, poidan actuar. Se non o hai, o profesor debe observar ao neno ou a nena, trasladarlle a situación ao departamento de Orientación e pórse en contacto coa familia: "Canto antes mellor, logo xa se decidirá se está a exaxerar ou hai que actuar", destacou. Berzosa puxo o acento en que "non se pode evitar afrontar isto porque, entre seis persoas nas que non sexa relevante temos un que se cadra se suicida; así que ante un risco tan elevado temos que curarnos en saúde no colexio".

En cando aos pais e ás nais, recomenda observar os síntomas de alarma baseados nos hábitos, por exemplo, un incremento do uso das redes, do móbil, anomalías con respecto ao sono, deixar de comer ou comer en exceso, estar máis agresivos ou máis inhibidos.

"É que son TOC". Ante unha afirmación así, Berzosa recomenda convidar a ter espírito crítico: que é iso, que síntomas crees que tes e, se é necesario, acudir a un profesional "para que nos diga se é isto ou é unha crise asociada á etapa adolescente". E que sexan "profesionais sanitarios ou clínicos, non vale un primo que é psicólogo deportivo", pediu.