Plataformas de Galiza, Catalunya e Euskadi conmemoran 85 anos do Congreso das Nacionalidades

“Autodeterminación é democracia”

Acto de Vía Galega en conmemoración do IX Congreso das Nacionalidades Europeas. Foto: Vía Galega.

Unha palestra con dirixentes de plataformas e asociacións da sociedade civil en defensa dos dereitos nacionais de Galiza, Catalunya e Euskadi conmemorou este sábado os 85 anos do Congreso das Nacionalidades, adscrito á Sociedade de Nacións, que recoñeceu Galiza como membro de pleno dereito.
 

O Salón Nobre do Pazo de Fonseca, en Santiago de Compostela acolleu as intervencións de Pep Cruanyes, vicepresidente da Assemblea Nacional Catalana, Unai Lizaso, da secretaría nacional de Gure Esku Dago, e de María Xosé Bravo, portavoz de Vía Galega. Coa efeméride como pé, os relatores defenderon o dereito de autodeterminación das nacións do Estado español e e como este é unha peza fundamental da democracia.

 

A sexta feira fora a quenda do historiador Xosé Estévez, quen ofreceu unha conferencia sobre “o Galuezka e o IX Congreso das Nacionalidades Europeas”, en que relatou como a delegación do Partido Galeguista encabezada por Plácido R. Castro acadou en Berna (Suíza) -do 16 ao 18 de setembro de 1933- a admisión como “nación europea”. A Nosa Terra ou El Pueblo Gallego fixéronse eco da noticia.

 

“Por primeira vez na súa historia, Galiza concorreu con personalidade propia a un Congreso Internacional”, declarara Castro a El Pueblo Gallego o 30 de setembro de 1933.