Xosé Estevez, historiador e investigador

“O nacionalismo galego sempre tivo unha vocación internacional”

[Imaxe: cedida] Xosé Estévez

Ten claro que o recoñecemento en 1933 de Galiza como nación foi un paso de calado para o país: “É como se hoxe entrásemos na ONU”, acredita, e lembra que ese recoñecemento foi unha “derivación directa” do Pacto de Galeuzka asinado uns meses antes en Compostela.

Xosé Estévez Rodríguez (Quiroga, 1943), doutor en Historia, investigador de longa traxectoria e profesor honorario da Universidade de Deusto, tene studado a fondo o Galeuska e o vector internacional do galleguismo. Está en Compostela para participar nos actos organizados por Vía Galega con motivo do 85 aniversario do IX Congreso de Nacionalidades Europeas, onde Estévez deu a conferencia “O Galeuzka e o IX Congreso de Nacionalidades Europeas’. Os actos proseguen este sábado coa palestra en Compostela con representantes da ANC, Gure Esku Dago e a propia Vía Galega.

 

“O ingreso de Galiza no Congreso de Nacionalidades europeas é unha derivación directa do pacto de Galeuska que se asinara uns meses antes en Compostela”, explica XoséEstévez en conversa con Sermos Galiza unhas horas antes da súa conferencia.

 

O pacto Galeuska asinouse 25 xullo de 1933 e o ingreso de Galiza no Congreso de Nacionalidades efectuouse o 16 de setembro dese mesmo anos. “No pacto de Galeuska fíxase que Galiza tiña que ingresar nese Congreso de Nacionalidades, ao mesmo nivel que Catalunya e Euskadi, que xa facían parte do Congreso, os cataláns desde 1926 e os vascos desde 1930”, explica Estévez. Os nacionalistas de Galeuska comprometéronse a presentárense xuntos no Congreso de Nacionalidades que ía realizarse  ese ano en Berna e así o fixeron. “Así pois”, conclúe o veterano historiador, “o ingreso de Galiza no Congreso é unha derivación directa do pacto Galeuska”.

 

O informe para ese Congreso escríbeo “do seu puño e letra” Vicente Risco e quen o presenta foi Plácido Castro. “Tiña que ir Otero Pedrayo mais non puido por estar enfermo”, indica. “Castro era o que no Partido Galeguista tiña o maior coñecemento de toda a política internacional europea. Era unha persoa culta, intelixente,  viaxada e que sabía varios idiomas, entre eles alemán, e non esquezamos que no Congreso a lingua máis empregada era o alemán”.

 

Á pregunta sobre a importancia daquel recoñecemento de Galiza en 1033 Xosé Estévez non o dubida: “Como se hoxe Galiza ingresase na ONU. A Sociedade de Nacións (SdN) créase en 1919, após a fin da IGM e os Tratados de Versalles, e creou a sección chamada ‘de minorías nacionais ou nacionalidades’, que foi a que organizaba eses congresos de nacionalidades europeas que se facían anualmente. Galiza ingresou no IX Congreso e foi como se fósemos recoñecidos internacionalmente como nación.

 

Considera que aquel feito demostra que “o nacionalismo galego sempre tivo unha vocación internacional, de pular por equiparar Galiza con calquera outra nación, sen ningún tipo de discriminación”.