María Xosé Bravo, portavocía de Vía Galega

“Queremos decidir como nación, esa era a idea en 1933 e segue a sela hoxe”

María Xosé Bravo

O 18 de setembro fíxose o 85 aniversario do IX Congreso de Nacionalidades Europeas, un feito que Vía Galega celebra este 5 e 6 de outubro en Compostela.

  

Con motivo do 85 aniversario do IX Congreso de Nacionalidades Europeas, Vía Galega unhas xornadas. A sexta feira o historiador Xosé Estévez, impartirá unha conferencia baixo o título “O Galeuzka e o IX Congreso de Nacionalidades Europeas’. O sábado terá lugar o “Encontro 85 aniversario do IX Congreso de Nacionalidades Europeas”, no que participarán Pep Cruanyes, vicepresidente da Asemblea Nacional Catalana-ANC; Unai Lizaso, secretaria nacional Gure Esku Dago e María Xosé Bravo, da portavocía de Vía Galega e presidenta da Asociación Cultural Alexandre Bóveda. Falamos con ela da importancia desta data

 

- Cal é a importancia daquel recoñecemento de Galiza en 1933 pola Sociedade de Nacións?

- É un recoñecemento oficial hai 85 anos por parte dun organismo internacional, o antecedente do que viría a serr a ONU. Recoñécennos como nación e reivindicando o dereito que ten Galiza a dispor de si propia. É unha data fundamental, que todos os galegos e galegas deberíamos ter presente.

 

- Que leccións podemos extraer daquilo, que vixencia pode ter hoxe en día o que se fixo hai 85 anos?

- Pois que esta loita non é algo de agora, que o pobo galego xa daquela loitaba por ese recoñecemento como nación, que era unha nacionalidade europea e que tiña os seus dereitos. Hoxe lembrar iso é continuar a reivindicar que se estamos, se existimos como pobo, é porque antes, hai anos, outros e outras estiveron e loitaron por iso. Nesta mesma liña está o Galeuska, que mostra que desde Galiza sempre pulamos por ese recoñecemento externo, pola unión entre pobos, entre nacións, para loitar polos seus dereitos. Non debemos esquecer que hai décadas xa se deron pasos importantes. Por exemplo, agora vén de se conmemorar que a inicios de outubro de 1931 recoñeceuse no Estado español o dereito a voto das mulleres. Ben, pois na I Asemblea Nacionalista, en 1918, xa recollía ese dereito, a loita pola igualdade entre homes e mulleres. Debemos reivindicar que hai uns alicerces que nos explican, que fica moito por facer mais que toda esta loita xa vén de atrás.

 

- O sábado hai un acto con representantes da catalá ANC, a vasca Gure Esku Dago e Vías Galega. Diferentes países distintos, diferentes estratexias

- Nós temos un camiño propio e con esa idea nace Vía Galega, unha ferramenta para reivindicar que somos unha nación e que como tal temos dereitos, para alén dos dereitos individuais como galegos e galegas. Falamos de lingua, de identidade, de cultura, si, mais tamén de moito máis: de emprego, de territorio, de políticas sociais, de todo aquilo que nos marca no noso presente e o noso futuro. Precisamos poder decidir sobre todo isto, sobre os nosos recursos,sobre os sectores estratéxicos, sobre o noso benestar; vainos a vida niso.  Vía Galega nace para iso, somos xente moi diversa, diferente mais que estamos unidos e unidas no convencemento de que somos unha nación e que iso implica uns dereitos.

 

- Como achegar esa idea a esa parte da sociedade que non ve na soberanía ou no dereito a decidir algo que poida afectar as súas vidas?

Vía Galega témolo claro: ao falar de emprego, de paro, de precariedade, de benestar…falamos da necesidade de que nós, como pobo, poidamos decidir sobre todo o que nos é esencial no noso día, desde os noso aforros até os nosos sectores produtivos. Cando se fala de dereitos individuais non debemos esquecer que moitas veces non serían nada sen os dereitos colectivos, cando falamos de dereito á vivenda, ao ensino, á saúde... falamos de poder decidir como queremos organizarnos.

Somos máis de 70 colectivos, organizacións, entidades moi diversas, desde sindicatos a movemento veciñal, deportivo… Non somos unha organización partidaria, sentímonos cómodos nesa diversidade que pula polo recoñecemento deste pobo. E pulamos polo que xa se loitaba hai 80 anos, queremos decidir como nación, esa era a idea naquel 1933 e continúa a sela hoxe.