A sentenza do Iribio apunta ao "o amplo baleiro legal" en materia ambiental na Galiza

serra iribio danos parque eolico 2
As entidades ambientais agrupadas na plataforma Salvemos O Iribio agardan que a sentenza que anula a aprobación da Xunta do parque eólico sente "precedente xurídico".

As entidades agrupadas na Plataforma Salvemos O Iribio celebraron onte a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TXSG) que anula o permiso concedido pola Xunta á instalación dun parque eólico na serra do Iribio por contravir a lexislación. O pasado mes, o Alto Tribunal galego tumbou outro proxecto en Mondoñedo destacando a súa "división artificial" na súa tramitación.

Adega, Verdegaia, a Sociedade Galega de Ornitoloxía, Petón de Lobo e a Fundación do Oso Pardo celebraron onte unha resolución que cualificaron de "demoledora" pola súa análise da tramitación do proxecto do Iribio mais tamén do actual marco lexislativo relativo ao desenvolvemento e planificación de enerxía eólica.  Así, agardan que a sentenza, aínda recorríbel, pase a ser firme e "sente precedente xurídico". 

Orientación "produtivista

A sentenza sinala "as lesións ambientais que se están a producir constantemente" e que liga á existencia dun "amplo baleiro legal en materia ambiental no que se amparan as compañías enerxéticas para levar adiante os seus proxectos". Este compleméntase coa "interpretación tremendamente produtivista" da dirección xeral de enerxía e minas, comandada entre 2009 e novembro de 2020 polo cesado Ángel Bernardo Tahoces.

Este ano, o Observatorio Eólico Galego advertiu de que a liberalización do sector eólico en 2017 implicou a aterraxe na Galiza de promotoras que "buscan gañar moito diñeiro a curto prazo especulando con posíbeis parque". Tamén da forte asimetría nas negociacións entre as compañías, con "moito coñecemento do mercado e moita información", e os propietarios dos terreos, nos que buscan implantarse, "con poucos recursos". 

Participación cidadá

Para o TSXG, a falta desta perspectiva ambiental está a prexudicar a  percepción das enerxías renovábeis pola sociedade. O auto pon de relevo a contradición entre "un discurso pseudoecoloxista nas motivacións que se expresan na normativa e as disposicións que se regulan no seu uso". E agrega que a falta de canles para a participación da propia cidadanía agrava esta visión, relegando as persoas afectadas "a un papel pasivo".

Nese senso encamíñanse as demandas das plataformas veciñais nadas nos últimos anos en oposición á implantación de parques de vento. "Hoxe o rural é un gran parque industrial, non se ten como prioridade a vida das veciñas, senón dar facilidades ás empresas", afirmaba Jessica Rey, integrante da Rede galega contra os proxectos eólicos, a Nós Diario nunha entrevista.

O ecoloxismo galego tamén ten censurado duramente normativas como a Lei de implantación de iniciativas empresariais aprobada polo Partido Popular que, entre outras cuestións reduciu prazos de exposición pública e alegacións nos trámites de determinadas obras hidráulicas, proxectos mineiros ou eólicos. Unha "simplificación" na que afonda a lei presentada polo partido no Goberno este mes.

No articulado da Lei de simplificación administrativa o PP volve limitar o acceso á información pública de determinados trámites, entre eles a conexión de muíños de vento á rede de subministro en certos casos.

A maiores, a norma abre a porta á instalación de parques eólicos fóra da delimitación territorial do seu propio plan para o sector, sempre que cumpran "unha función vertebradora e estruturante do territorio", a declarar polo Consello da Xunta.

Vixilancia ambiental

Para as entidades ecoloxistas que presentaron os recursos polo caso do Iribio, os argumentos do Alto Tribunal galego "teñen especial relevancia neste momento no que cabe analizar con detalle a implantación das enerxías renovábeis" na Galiza.