As auroras boreais iluminan de novo os ceos galegos
Diversos puntos da Galiza e do Estado español rexistraron na noite desta pasada quinta feira un fenómeno de auroras boreais que foi visíbel a latitudes moi baixas no hemisferio norte. Segundo o promotor de Ceos Galegos e impulsor dunha exposición sobre o tema que está agora na Casa das Ciencias da Coruña (comarca homónima), Dosi Veiga, explica a Nós Diario que as auroras boreais fórmanse, como explica Veiga, despois de que “electróns de alta velocidade que veñen do sol e que ao impactar coas moléculas que temos na atmosfera arrincan electróns que son recaptados”. Sería nese momento cando “os átomos da atmosfera reemiten esa enerxía en forma de fotóns” e o que vemos sería “esa luz”.
Neste sentido, o responsábel deste proxecto de divulgación e comunicación social explica que as cores que observamos indica “que tipos de átomos son”. De aí virían “os seus diferentes tons”.
Un fenómeno que non é tan estraño
Veiga recoñece que até hai un ano a xente pensaba que este tipo de fenómenos podía presentarse, polo menos, unha vez cada xeración. “Na Galiza temos datadas auroras boreais no século XVIII mais tamén a principios e finais do século XX”, afirma.
Porén, este investigador intúe que “agora estamos máis pendentes disto”. Con todo, considera este fenómeno “excepcional para nós” por pensar a xente que só se daba nas zonas polares “cando en realidade depende do ciclo magnético do sol que ten o seu máximo cada once anos. O máximo de actividade solar sería, segundo Veiga, o ano vindeiro mais para que se dea o fenómeno hai que ter en conta tamén "circunstancias moi locais". O motivo polo que nos polos vese todos os anos por derivar a capa da magnetosfera "as partículas cara esas zonas da terra". Con todo, como aconteceu desta vez, cando hai tormentas solares moi potentes "son tantos os electróns que chegan que conseguen provocar moitas reaccións nos átomos e poden verse en latitudes máis baixas como a nosa". Neste sentido, o promotor de Ceos Galegos subliña que estamos "nun ano curioso e singular" aínda que reitera que a difusión destes fenómenos aumentou "coa proliferación de fotógrafos especializados en captalos".
Fenómeno de altura
"Para nós é a quinta alerta que damos de posíbeis auroras boreais", relata Veiga. Como para observar outros fenómenos que se ven no ceo, este investigador aclara que unha das condicións que se teñen que dar é "que estea despexado e que non coincida coa lúa chea". A razón e que a aurora boreal fórmase, moito máis arriba da troposfera, normalmente a unha altitude de entre 100 e 500 quilómetros de altura.
Por último, Dosi Veiga advirte, para que non haxa desilusións, que o que se ve nas fotos que se divulgan "non é o mesmo que ao final vemos en persoa". A razón é que as imaxes retratadas Están sobredimensionadas "por estar expostas durante varios segundos captando fotóns", aínda que non son tan nítidas "como as que se poden contemplar se as viramos nos polos".

