Na procura das mellores imaxes do ceo galego de 2019

A web Ceos Galegos abre as votacións populares para escoller a mellor fotografía do noso ceo.
Circumpolar sobre a Pena de Rodas, imaxe participante en 2018 (Marcos Gestal)
photo_camera Circumpolar sobre a Pena de Rodas, imaxe participante en 2018 (Marcos Gestal)

A web Ceos Galegos abre a convocatoria de emisión de votacións por parte do público para escoller as mellores imaxes do ceo nocturno galego deste ano que remata. A segunda edición deste concurso rexistra xa un incremento notábel de dimensión, cun galardón que este ano presenta cinco categorías diferentes: "paisaxes celestes", "xente e ceo", "sistema solar", "con telescopio" e "MeteoFoto".

Desde a organización valoran positivamente a recepción de 167 imaxes que entran na competición, "30% máis que o ano pasado". As 36 autoras diferentes, tanto fotógrafas profesionais como afeccionadas, supoñen 20% máis que o ano pasado. Ademais, apuntan que no primeiro día de votación xa conseguiron triplicar "tanto o número de persoas que accederon á web como o número de votos emitidos", o que anticipa unha boa implicación do público na presente convocatoria.

As votacións estarán abertas até a noite de reis e os resultados faranse públicos no día seguinte de xeito automático. Pola súa banda, os premios do xurado daranse a coñecer nunha gala que terá lugar no Parque Náutico de Castrelo de Miño o vindeiro domingo 19 de xaneiro de 2020, coa presenza de todas as persoas gañadoras.

Comentarios