Dispáranse os casos activos

Aumentan 40% as hospitalizacións pola Covid-19 en só 15 días

Un sanitario realiza un test PCR a un cidadán. (Foto: Europa Press)

Galiza detectou outros 1.000 novos casos de coronavirus nas últimas 24 horas, período no que a situación nos hospitais galegos empeorou substancialmente a respecto da xornada previa, ao sumar outros 50 hospitalizados e oito pacientes máis en UCI. A cifra global de ingresados con Covid-19 queda ao bordo dos 600, 90 deles en UCI. Feixoo explica a reprogramación de cirurxías pola evolución "moi preocupante" dos contaxios.

Até as 18 horas da quinta feira, segundo os datos publicados hoxe pola Consellaría de Sanidade, os casos activos da Covid-19 ascendían na Galiza a 10.864, 649 máis que o día anterior e case o duplo dos que había hai dúas semanas, no arranque do ano 2021.

Os casos positivos diagnosticados por proba PCR volveron subir do millar. Os 1.013 casos detectados en 24 horas supoñen a segunda cifra máis alta da pandemia, só superados polos 1.025 positivos notificados na quinta, 14 de xaneiro, aínda que nesa xornada realizáronse 558 probas PCR máis que as levadas a cabo nas últimas 24 horas.

Presión asistencial

A presión sobre os hospitais galegos mantén a súa tendencia á alza ao sumarse outros 50 pacientes Covid-19 ingresados, 8 deles na UCI, respecto ao día anterior. Isto deixa un cómputo de 595 persoas hospitalizadas con coronavirus, das cales 90 necesitan coidados intensivos. Unha situación que provocou a cancelación de cirurxías non urxentes nas áreas da Coruña, Compostela e Ferrol.

As UCI acollen 90 persoas hoxe, fronte ás 35 do 1 de xaneiro

Se se toma como referencia o arranque do novo ano hai xusto dúas semanas, o incremento de pacientes Covid-19 que terminan no hospital é de 40% tanto en unidades convencionais como en UCI. E é que o 1 de xaneiro había 345 hospitalizados polos 595 que hai dúas semanas despois, mentres que as UCI acollen a 90 persoas polas 35 do 1 de xaneiro.

Todas as áreas sanitarias empeoran os seus datos, con incrementos xeneralizados que chegan aos dous díxitos nas áreas de Ourense e da Coruña-Cee. O crecemento acelerouse desde a segunda feira, día en que había 127 pacientes ingresados menos dos que hai hoxe, cando se rexistran 19 persoas máis en UCI que hai catro días.

O distrito coruñés mantense un día máis como a área con máis ingresados con Covid-19 e suma outros 14 máis, que elevan a 164 os pacientes hospitalizados, 26 en críticos (-1). Santiago-Barbanza supera de novo o limiar do centenar de ingresados con 104 (+4), 10 deles en UCI (+2).

En Vigo prodúcese un incremento de 8 pacientes ingresados respecto ao día anterior, o que eleva o total a 78, dos cales 22 precisan coidados intensivos (sen cambios). Despois de ser o único distrito no que non subiran os hospitalizados na xornada da quinta, repuntan os ingresados en Ferrol até os 86 (+7), 9 na UCI (+3).

Pola súa banda, Pontevedra conta agora con 63 hospitalizados na área (+10), 11 en críticos (+2); mentres que Ourense tamén experimenta unha subida de dous díxitos que sitúa o cómputo de ingresados en 63 (+10), dos que 9 (+2) precisan coidados intensivos. Por último, a área de Lugo suma un novo paciente ingresado: hai agora 35 (+1) con 3 na UCI (sen cambios).

Máis de mil novos casos nun só día

As cifras de contaxios detectados ofrecidas por Sanidade supoñen o segundo día con máis positivos desde o inicio da pandemia e tamén a segunda ocasión na que se supera o limiar do milleiro de casos diagnosticados.

Con todo, os 1.013 positivos quedan por baixo dos 1.025 do día anterior despois de realizarse 558 probas PCR menos. En total, leváronse a cabo 10.194 test (1.112.020 desde o inicio da pandemia), dos que un 11,3% foron resultados positivos.

Con estas cifras, Galiza volve estar en máximos en canto a taxa de positividade (Sanidade adoita reaxustar esta porcentaxe con posterioridade) e en valores similares aos rexistrados nas primeiras semanas de abril, en plena primeira onda da crise sanitaria.

A taxa de positividade dobra o limiar do 5% que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia, unha porcentaxe da que a media galega non baixa desde o 24 de decembro.

Todas as áreas sanitarias superan a taxa de positividade cun pico do 30,5% en Ferrol e dobres díxitos na Coruña (13,9%), Santiago (10,3%) e Pontevedra (15,3%). Só Ourense cun 7,3% de probas PCR positivas se achega a ese limiar do 5%.

Dos novos positivos, A Coruña é o distrito sanitario que máis casos achega con 251 (-5), seguida por Vigo con 181 (+33) e Santiago con 163 (+34). Esta última presenta cifras similares ás de Ourense, que reportou 160 novos casos (+35).

O número de casos activos duplicouse en quince días

Só Lugo experimenta unha caída no número de positivos rexistrados, ao baixar a 75 (-22). Ferrol case dobra as cifras do día previo ao detectar 108 casos (+47); mentres que Pontevedra diagnosticou ao mesmo número de persoas que na xornada anterior: 75.

Casos activos

En canto ao número de casos activos -persoas con diagnóstico Covid-19-, Galiza volve experimentar un novo incremento por encima do medio milleiro que deixa o cómputo total en 10.864, case o duplo dos que había o 1 de xaneiro.

Hai 649 pacientes con coronavirus activo máis dos que había hai 24 horas após producirse aumentos en todas as áreas sanitarias, en tres delas por encima da centena. É o caso da Coruña, que suma un total de 2.635 (+171), Vigo, con 1.994 (+101) e Ourense, con 1.459 (+111).

Santiago, terceiro distrito sanitario con máis casos activos, pasa os 2.000 após sumar outros 98 que deixan o cómputo en 2.081. Lugo e Pontevedra achéganse ao milleiro con 992 (+47) e 907 (+40), respectivamente; e en Ferrol aumentan até os 796 (+86).

A crise sanitaria deixa na Galiza até o momento 1.485 falecidos, despois das últimas cinco vítimas mortais notificadas polas autoridades na noite da quinta feira.

Explicación oficial das reprogramacións

Preguntado pola suspensión e reprogramación das cirurxías coñecida onte, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, explicou que se tomou a decisión porque hai que contar cunha "reserva de camas de UCI" ante un "seguro" pico máis elevado da presión hospitalaria.

Malia que se adíen as intervencións, o representante aclarou que non implica "ter menos intervencións" senón facer as que "ocupan menos días de estadía media nunha UCI".

"Para que? Para ter unha reserva de camas de UCI sen utilizar ante os eventuais e seguros incrementos da ocupación que imos ter en todos os hospitais do Sistema Nacional de Saúde", indicou. O que non pode afectar "nunca a unha patoloxía urxente, oncolóxica ou de trauma" pero si ás que se programan con antelación e non son por doenzas graves.

Feixoo engadiu, a modo de advertencia, que a evolución dos contaxios na Galiza "é moi preocupante, máis que na segunda onda".

"Sabendo o que ocorreu na primeira, entre marzo e xuño, e na segunda, entre setembro e novembro, enfrontámonos ante unha progresión do número de infectados diarios moi preocupante", recoñeceu.