Asegura que todas as decisións foron validadas polo comité

Feixoo di que as medidas do Nadal precisaban do "autocontrol"

Alberto Núñez Feixoo, esta quinta feira, presidindo o Consello de Goberno da Xunta (Foto: Arxina).
A Xunta defende as concesións feitas durante o Nadal porque eran "proporcionadas" e "foron validadas polo comité clínico", mais recoñece que non tiña "forza" para garantir o seu cumprimento.

O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, compareceu esta quinta feira en rolda de prensa para dar conta dos asuntos acordados polo Consello de Goberno esta semana. Cuestionado a respecto das medidas adoptadas durante as festas natalicias, o mandatario galego asegurou que eran "proporcionadas" en función da situación de cada concello e foron "validadas" polo comité clínico. "Non tomamos ningunha decisión que non aprobasen as expertas", insistiu.

"Eran unhas normas 'cumpríbeis' e dependían da vontade de cada un de nós", expuxo. Recoñeceu que, alén dese "autocontrol", había unha "responsabilidade colectiva" por parte das administracións públicas: "Asumo a que me corresponde", afirmou.

Núñez Feixoo exemplificou esta cuestión facendo alusión ao "movemento exponencial" da cidadanía coruñesa cara a Becerreá os días que se permitiu a mobilidade entre concellos: "Non toda a poboación da Coruña ten familiares nese lugar", sentenciou, salientando que a Xunta carece da "forza" para controlar estes desprazamentos.

Polémica entre o alcalde de Friol e Medio Rural

A pasada cuarta feira, José Ángel Santos (PPdeG), rexedor de Friol, vertía duras críticas contra o conselleiro de Medio Rural, José González, nun artigo de opinión publicado no portal campogalego.gal: "Hai máis de dous anos comezamos a padecer unha epidemia non menos letal que a actual", indicou, e engadiu que, desde o nomeamento de González, "todo o que ocorre nesta Consellaría carece de sentido".

Preguntado por esta cuestión, o presidente considerou "inxusta" a crítica tanto polo contido como pola forma: "Dentro dun partido hai mecanismos internos para expresar opinións, e este non é o correcto", argumentou.

Oficina do Brexit

"Xa coñecemos as condicións complexas do Brexit e debemos seguir axudando as empresas para que manteñan as súas importacións e exportacións ao Reino Unido", salientou Núñez Feixoo, quen lembrou que actualmente hai 486 empresas galegas que exportan bens a este país "por valor de 1.119 millóns de euros".

En consecuencia, anunciou que a Xunta abrirá "inmediatamente" unha 'Oficina do Brexit' en Londres e habilitará un 'Cheque Brexit' dun millón de euros para financiar servizos de consultoría ás empresas galegas. Tamén se reforzará o "servizo de asesoría integral no eido laboral, tributario, administrativo e aduaneiro" que, desde marzo de 2019, "xa asesorou de forma personalizada a 129 empresas".

Oferta Pública de Emprego para a FP

Por outra banda, o presidente galego anunciou a apertura dunha Oferta Pública de Emprego con 603 prazas para a Formación Profesional en 24 especialidades: "Pretendemos suavizar o impacto da nova Lei de Educación do Estado, que impide seguir exercendo a docencia a quen non posúa un grao ou licenciatura", explicou.