Xa foi vacinado 93,7% das residencias

A Xunta prevé rematar a vacinación do persoal sanitario en febreiro

Lote de vacinas de Pfizer (Foto: Europa Press).
A mediados do vindeiro mes rematarase a administración da segunda dose dos dous grupos prioritarios.

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, compareceu esta sexta feira ante a Comisión 5ª do Parlamento para dar conta dos avances do plan de vacinación. Durán anunciou que, desde que comezou a campaña o 27 de decembro, recibiron a primeira dose da vacina de Pfizer 19.451 residentes e 13.900 traballadoras de 521 centros de maiores e discapacidade, o que supón 93,7% do total (556).

Nalgunhas residencias foi preciso adiar a vacinación por gromos de coronavirus. Nesta primeira fase recibirán a vacina un total de 24.000 usuarias e 17.500 profesionais destes centros. Mañá comezarán recibir a segunda dose, un proceso que, segundo as estimacións do Sergas, rematará a primeira semana de febreiro.

12.500 sanitarias vacinadas

Por outra banda, das 25.000 sanitarias "de primeira liña" que conforman o segundo grupo por prioridade de vacinación (persoal de Urxencias, críticos, oncohematoloxía, unidades de hospitalización a domicilio, unidades Covid-19, diálise, microbioloxía e persoal do 061), esta sexta feira a metade xa recibira a primeira dose, e a vindeira segunda feira agárdase alcanzar a cifra de 20.000. Neste grupo inclúense tamén 1.200 profesionais da sanidade privada.

Durán apuntou á primeira quincena de febreiro como data para rematar a administración da segunda dose a este outro colectivo. Após esta fase comezaría a terceira, "a partir do 10 ou 12 de febreiro", que contempla as sanitarias restantes, o persoal dos centros de día e o Servizo de Atención ao Fogar (SAF).

Capacidade para vacinar "19.000 persoas ao día"

Até o de agora traballaron na vacinación máis dun cento de equipos compostos por dúas persoas. Non obstante, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, informou a pasada quinta feira de que a Sanidade galega ten capacidade para administrar "19.000 vacinas ao día" coas perto de 200 enfermeiras que traballan actualmente.

Esta cifra, dixo, podería aumentarse até as 2.200 profesionais no caso de que Galiza recibise un maior número de vacinas. Actualmente, o país recibe 18.525 doses cada semana.

Así mesmo, a pasada cuarta feira chegaron as primeiras vacinas de Moderna, un total de 1.800 doses, mais a Xunta agarda recibir entre febreiro e marzo "perto de 31.000".