Aumentan 17% as ordes de protección de vítimas de violencia machista na Galiza

Manifestación o pasado 25 de Novembro en Vigo polo Día Internacional contra a Violencia Machista (Foto: Adrián Irago / Europa Press).
Os xulgados galegos que asumen casos de violencia sobre a muller concederon entre xullo e setembro 355 ordes e medidas de protección e seguridade, 16,8% máis que no mesmo período de 2022.

As ordes de protección de vítimas de violencia machista aumentaron case 17% no terceiro trimestre deste ano na Galiza, segundo datos estatísticos feitos públicos polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX).

En concreto, os xulgados galegos que asumen casos de violencia sobre a muller concederon entre xullo e setembro 355 ordes e medidas de protección e seguridade, 16,8% máis que no mesmo período de 2022.

En total, foron 521 as peticións que se solicitaron, 5,9% máis que un ano antes. Delas, 68% foron concedidas, mentres que os xulgados en funcións de garda incoaron 110, das que adoptaron 72, 65,4%, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).

Durante o período estudado, os xulgados galegos rexistraron 1.856 denuncias por violencia de xénero, practicamente as mesmas que no mesmo período de 2022, cando recibiron 1.854. A gran maioría (1.499) chegaron aos órganos xudiciais a través de atestados policiais con denuncia das vítimas, mentres que as interpostas pola contorna das vítimas -41- apenas alcanzaron 2,2% do total.

O número de mulleres vítimas tamén se mantivo, pois entre xullo e setembro contabilizáronse 1.856, dous máis que en 2022. A taxa de violencia de xénero (vítimas por cada 10.000 mulleres) na Galiza foi de 13,3, a máis baixa do Estado, cuxa media se situou en 21,4.

Menores con tutela

En total, no terceiro trimestre do ano rexistráronse 17 menores tutelados vítimas de violencia de xénero, fronte aos 22 das mesmas datas de 2022. Neste último dato contabilízanse as fillas e fillos de vítimas sobre as que o maltratador exerceu violencia de forma directa.

Os xulgados de violencia sobre a muller, xulgados do penal e as audiencias provinciais do país ditaron entre xullo e setembro en procesos de violencia de xénero 500 sentenzas, das cales 417, é dicir, 83,4 %, foron condenatorias. No período estudado, os xulgados de menores axuizaron cinco persoas por delitos relacionados con violencia sobre a muller.

Entre outros datos, na Galiza aumentaron 71,3% os casos de vítimas que se acolleron a dispensa para non declarar, pois no terceiro trimestre optaron por esta opción 137 mulleres, fronte ás 80 de 2022. Entre xullo e setembro suspendéronse 32 réximes de visitas, case a mesma cifra que o ano pasado (37).