Aumenta o malestar do persoal sanitario coa Xunta: agora é a Confederación de Sindicatos Médicos

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. (Foto: Europa Press)

A Confederación de Sindicatos Médicos (CESM) considera "totalmente inadmisíbel" que, na Oferta Pública de Emprego de 2022, na que se contemplan 1.294 prazas, non haxa "nin unha soa" de Médico Facultativo nin para Atención Primaria nin para Atención Especializada.

Remarcan nun comunicado a súa crítica á decisión "ante o déficit de Médicos de Familia, Pediatras, de Urxencias e diversas especialidades que hai en todo o Sergas e máis concretamente en Primaria".

Tal e como se recolle na convocatoria, detallan, lánzanse 36 prazas de licenciados sanitarios -27 de farmacia e nove de odontoloxía-; 336 de diplomado sanitario; 611 prazas destinadas a técnicos de formación profesional; e 311 para xestión e servizos.

"Mentres nos Centros de Saúde e os PAC continúan sen facultativos e non se descarta a posibilidade de que se realice unha concentración dos recursos humanos co fechamento temporal dalgúns centros de maneira que se optimice o persoal, a Xunta vende á opinión pública, ano tras ano, investimentos multimillonarios en novos edificios e en equipamento de tecnoloxía punta", censuran.

A falta de investimento en persoal, argumentan tamén, acaba nas "interminábeis" listas de espera para médicos de Familia, no "colapso" das Urxencias Hospitalarias e PAC, e coa falta de especialistas en Medicina Interna, Radioloxía ou Traumatoloxía, "poñéndose así de manifesto o caos e a organización reinantes na Atención Primaria e Especializada, pola simple falta de investimento en recursos humanos".

Advirten do "desmantelamento" da Atención Primaria

Ante esta situación, o Sindicato Médico diríxese directamente ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no seu comunicado e pregunta se "non obedecerá a unha estratexia política premeditada para desmantelar a Atención Primaria e Especializada pública, para dar paso a outras alternativas de carácter privado".

Conclúe a Confederación asegurando que esta OPE "evidencia o máis absoluto desprezo do Goberno da Xunta cara aos facultativos que traballan en Atención Primaria e Especializada, e cara aos seus pacientes", o que merece "unha contundente resposta".

O comunicado da CESM chega un día após emitirse o dos Colexios Médicos da Galiza, molestos coa actitude da Xunta da Galiza e no que rexeitaron o fechamento de centros de saúde e PAC, así como o feito de que o Goberno de Alfonso Rueda pretenda deixar ambulatorios sen a atención médico, só coa de enfermaría.