Aumenta o índice de miseria na Galiza debido á inflación e ao paro

A perda de poder adquisitivo complica o gasto enerxético de calefacción nas vivendas. (Foto: Europa Press)
Mocidade, mulleres e pensionistas, as máis afectadas

A Galiza alcanzou os 21,13 puntos no Índice de Miseria, tamén coñecido como Índice Okun, no segundo trimestre de 2022. Así o demostra o estudo realizado polo académico Fernando Punto, quen calculou o índice de Miseria do Estado español concluíndo que o país se sitúa na metade da listaxe entre os territorios do Estado, sendo Andalucía o máis prexudicado e Cantabria o menos. A análise da pobreza a través do Índice Okun resulta de interese ante a situación económica actual que experimenta a sociedade xa que utiliza como principais indicadores a inflación e o paro.

De feito, a contratación laboral caeu en novembro na Galiza en 9,35% con respecto ao mes anterior, case tres puntos porcentuais por enriba do descenso no conxunto do Estado (6,55%), como así informou Nós Diario. Por outra parte, o Índice de Prezos de Consumo (IPC) medrou no mes de outubro no país 0,5% con respecto a setembro, cunha suba dos prezos dos alimentos de 14,8% en relación a 2021. 

E é que “a elevada inflación provoca un proceso de empobrecemento das persoas máis desfavorecidas”, sinala en declaracións a Nós Diario o profesor de Historia Económica Mundial na Universidade de Santiago, Adrián Dios

O economista explica que as persoas que contan cun menor poder adquisitivo, máis experimentan a súa perda debido á inflación. O profesor exemplifica esta situación indicando que unha persoa que gaña 1.200 euros ao mes e gasta 1.000, cando os prezos soben 10% perde a metade dos cartos que aforraba de forma mensual; mentres que, se a renda é superior, tamén o é a capacidade de aforro.

Por todo isto, “o golpe da inflación é máis forte” para as persoas con rendas máis baixas, ao teren que dedicar a maior parte do soldo ao consumo pero atopando menos capacidade de obter produtos. Porén, Dios engade que non se trata exclusivamente dunha “cuestión humanitaria”, senón que “que as rendas caian tamén é negativo para a economía pois provoca que as empresas vendan menos”. Desta forma, “paliar a situación de pobreza tamén beneficia o conxunto da sociedade xa que permite que a economía flúa”. 

Segundo Dios, os sectores máis prexudicados pola inflación son a mocidade, as mulleres e as persoas pensionistas. Ademais, sostén que este problema magnificarase nos próximos meses en “cuestións tan básicas como a calefacción” pois, se ben a pobreza enerxética xa existía, verase agravada, provocando que moitos fogares teñan que decidir “se pasar frío” ou pagar máis.

Adrián Dios mantén que “as institución públicas deberían crear mecanismos” que permitan unha redistribución social “orientada á protección das persoas con menos recursos para que non sexan estas a que paguen [as consecuencias] da crise”. Porén, para que isto fose posíbel cumpriría unha “enorme reforma fiscal” para “gravar a quen máis ten”, mais “imos na dirección oposta, como así se ve nos orzamentos da Xunta da Galiza” nos que se manteñen “as rebaixas de impostos” así como “as políticas de austeridade e mais os recortes”. 

Con todo, Adrián Dios mostra unha visión optimista ante as particularidades económicas que permiten que a Galiza sexa máis resiliente fronte ás crises. A escaseza de grandes urbes que poidan tensar os problemas sociais ou o mantemento dun certo arraigo coa produción rural, son cuestións que atenúan ás crises económicas, sostén.