A pobreza extrema afecta máis de 237.700 persoas residentes na Galiza

Son os máis pobres dos pobres. Segundo a Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social no Estado español (EAPN-ES) na categoría de pobreza severa inclúense aquelas persoas que viven en fogares cuxos ingresos por unidade de consumo son inferiores en 40% da renda estatal media, unha cifra notabelmente inferior á empregada para definir o risco de pobreza e, por tanto, o indicador agrupa persoas que están nunha situación límite. 
 
Un cidadán buscando alimentos nun contedor de lixo en Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Un cidadán buscando alimentos nun contedor de lixo en Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)

O limiar de renda utilizado en 2021 para considerar que un lar está en pobreza severa é de 530 euros mensuais para un fogar dunha persoa e de 1.112 euros mensuais para unha familia formada por dúas persoas menores e dúas adultas.

A pobreza severa representa o elo máis débil dunha sociedade e tamén o máis agochado. As persoas nesta situación viven moito peor que o conxunto da poboación, a súa principal dificultade é resolver a esixencia permanente de escoller, de facer unha gradación entre necesidades indispensábeis, teñen maiores dificultades para facer fronte a calquera evento negativo e, se sucede, provócalles consecuencias máis graves, e resúltalles moi difícil escapar por si mesmas desa situación. A este respecto, economistas como Viçent Navarro sinalan que “as recuperacións como consecuencias das mudanzas no ciclo económico chegan ao final ou simplemente non chegan ás persoas en pobreza severa porque a súa precariedade debilita, tamén, o seu poder de reclamar dereitos”.

A pobreza extrema

237.769 galegas e galegos viven na pobreza severa. Malia que a porcentaxe de persoas nesta situación na Galiza é de 8,8%  -inferior en 1,4 puntos á media estatal, atopándose por baixo de comunidades como Andalucía, Estremadura ou Canarias- a tendencia dos últimos anos apunta a unha sociedade con cada vez máis exclusión, situándose por riba de Madrid, Castela e León ou Catalunya. 

A este respecto, os mellores rexistros preséntaos Euskadi, cun índice de pobreza severa de 4% sobre o total da poboación e Nafarroa con 5,9%, coincidindo no caso da primeira e da última cos máis altos estándares de benestar do Estado.

A evolución da pobreza severa presenta uns datos moi negativos na Galiza. Se á volta de 2008 afectaba 168.199 persoas, isto é 6% da poboación galega, en 2021 alcanzaba a 237.769 persoas, 8,8% do censo do país, rexistrando nestes 13 últimos anos un incremento de 2,8 puntos.

A este respecto, EAPN-ES, no seu recente informe sobre a pobreza de 2021 afirma que neste período “a Comunidade de Madrid, Castela e León, A Rioxa, Cantabria, Galiza e Canarias rexistran incrementos entre 46% e 55%”. Nesta dirección, o estudo evidencia que unha vez comezada a recuperación após a Gran Recesión, que especialistas sitúan a partir de 2015, esta non tipo impacto na mellora das condicións de vida.

A maiores, a pobreza severa tamén medrou desde o ano 2015 en 2,1 puntos, manifestando EAPN-ES no seu último relatorio que "a pobreza severa incrementouse en sete comunidades autónomas, e en catro delas con moita intensidade. Respecto diso, en Aragón, Asturias, Nafarroa e Galiza os incrementos foron de 59 %, 41 %, 35 %, e 31 %, respectivamente”. Nuns termos semellantes, o informe sobre O estado da pobreza na Galiza que acaba de presentar a Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social na Galiza (EAPN-Galiza) recolle que “desde o ano 2015, de referencia da nova Axenda 2030, as cifras eleváronse: 2,1 puntos porcentuais, o que equivale a un incremento algo superior a 30%”.

A xeografía da pobreza

As variábeis demográficas e xeográficas teñen o seu reflexo na pobreza severa. Así, EAPN-Galiza indica que “a taxa de pobreza severa nas zonas rurais leva dous anos por encima das urbanas. Para 2021, a taxa de pobreza severa na zona rural é de 10,1 % -tras manterse estábel desde o ano pasado- e na urbana de 8,4% -tras descender 0,5 puntos este ano-. Con respecto ao ano 2015, a taxa aumentou para ambas as zonas, especialmente na rural”. Ao tempo, destaca que “canto maior é a idade da persoa, menor é a súa taxa de pobreza severa”, malia que as e os pensionistas galegos sitúanse á cabeza do Estado en pobreza extrema.

Comentarios