Aumenta a esperanza de vida na Galiza e sitúase en 83,4 anos

A esperanza de vida na Galiza aumentou en 2021. (Foto: Nós Diario).
A esperanza de vida aos 65 anos sitúase en 2021 nos 21,66 anos, é dicir, estímase que vivirán até os 86,66 anos.

A esperanza de vida ao nacer na Galiza situouse en 2021 en 83,43 anos, o que supón un lixeiro repunte respecto do dato de 2020, cando era de 83,41 anos (0,02 anos máis).

Os datos foron proporcionados onte polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

Aínda que a esperanza de vida crecente se viu freada en 2020 debido á pandemia da Covid-19, en 2021 volveu ter un ascenso respecto ao anterior ano.

Por baixo dos datos de 2019

Con todo, segue por baixo dos 83,58 anos alcanzados en 2019.

Por sexos, a maior esperanza de vida segue sendo feminina, con 86,37 anos, fronte aos 80,44 anos entre os homes en 2021.

Aquí obsérvase que esta diferenza se ampliou respecto a 2020.

A esperanza de vida aos 65 anos sitúase en 2021 nos 21,66 anos, é dicir, estímase que vivirán até os 86,66 anos. Este valor tamén aumenta en comparación co ano anterior.