luns 30.03.2020

Xogos tradicionais para entreterse no confinamento

Ante as horas de corentena, a rede Patrimonio Lúdico Galego está a facer unha escolma de xogos tradicionais que se poden practicar facilmente no interior doméstico, facendo honra á capacidade de adaptación ao medio que os caracteriza. Achegamos algunhas alternativas para que as crianzas pasen estes días, propostas elaboradas con materiais reciclados ou do cotián, que contribúen a fomentar a creatividade, crear comunidade e, especialmente nestas semanas, mellorar as relacións familiares. 
Buxainas.
Buxainas.

Pasar tantas horas no interior da casa pode ser particularmente difícil para as crianzas. Para evitar a frustración e o aburrimento, traemos unha iniciativa da rede Patrimonio Lúdico Galego: xogos tradicionais para o interior do fogar. A idea xurdiu vencellada ao proxecto Aulas Galegas, ao que se apuntaron desde o minuto cero coa idea de subir unha ou dúas propostas diarias, como nos conta Paco Veiga, presidente da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional (AGXPT). Porén, a páxina web non estaba preparada para albergar tanto contido e, para facelo máis accesíbel, optaron por verter as alternativas nunha páxina propia.

De tal modo, Patrimonio Lúdico Galego escolma, entre os máis de 200 recursos permanentes que ofrecen, aquelas actividades que se poden adaptar ás condicións actuais de espazo reducido e cun número pequeno de individuos, para xogar en familia. "Cada día compartimos dous ou tres xogos", explica Veiga, poñendo énfase en facilitar ideas para as máis cativas, que malia seren "as que máis traballo dan nesta situación", non gozan de moitos recursos orientados a elas.

Unha oportunidade para redescubrir a infancia

Reivindicando a importancia de xogar, a corentena pode ser unha oportunidade para "investir o tempo en descubrir ou redescubrir os xogos de sempre", explica Noelia Darriba, da asociación Xogos Tradicionais de Muimenta (Xotramu) en Cospeito, que fai parte da rede. Aceptamos o seu convite a explorar as opcións escollidas, que van desde as populares e atemporais leiriñas (tamén chamadas tres en raia, ta-te-ti ou pai-fillo-nai), até outras menos coñecidas, como o xogo das tartarugas. A dinámica deste último consiste en atar un cordón, por un extremo, á parte superior dunha botella mediada de auga, mentres polo outro se une ao centro do pau. Con isto faise unha carreira na que gaña quen primeiro consegue enrolar a corda para traer a "tartaruga" até as súas mans.

Para xogar ao muíño ou alquerque tan só fan falla unhas fichas e pintar cadrados nunha superficie. O obxectivo é colocar tres pezas en liña recta ou diagonal, o que se chama "facer un muíño". Cando isto acontece, a xogadora cómelle unha ficha á contraria, até que unha delas queda só con dúas. Outro dos clásicos adaptábel ao interior é o sete e medio. Aínda que habitualmente se pinta con xiz no chan, tamén se pode facer un taboleiro no que debuxar os sete rectángulos, cada un cunha puntuación (e se cae na liña, conta medio). Así, xógase tirando os tres pellos (as fichas) aos cadrados, tratando de sumar, nas tres oportunidades, a cifra que nomea ao xogo. Se non dá xusto, gaña quen máis se achegue sen pasarse. A raia ou peseta é outra boa opción. A dinámica é doada: tirar, desde unha distancia pactada, unha moeda ou chapa tratando de que quede enriba ou o máis preto posíbel dunha raia trazada no chan. 

Darriba considera que xa superamos unha época de esquecemento destes xogos para atravesar un período de certa recuperación. "Cando eu era pequena, lembro moito xogo popular, mais non tanto tradicional", di. E cal é a diferenza? Considéranse populares "xogos como a corda ou o brilé, que son máis ou menos iguais en todos lados. Moitos deles comezan a chamarse agora predeportivos", explica Darriba. Porén, os xogos tradicionais son "unha manifestación cultural que nos define como pobo, unha das cousas que máis pode contribuír a crear unha forma de ser, de nos integrar, que se transmite de maneira imperceptíbel", declara Veiga. Serían exemplos paradigmáticos os tres tipos de chaves que temos na Galiza, ou os birlos celtas, que se ben se manifestan noutras zonas do Estado, teñen no noso país un sistema propio de puntuación. Este acervo fai parte dun patrimonio lúdico universal, que se presenta en todos os lugares, mais que ten unha gran capacidade para se adaptar ao medio. De aí as variacións, que tamén se aplican aos condicionantes do estado de alarma.

Reciclaxe creativa

Todas as alternativas que recollen son "moi ecolóxicas", pois pasan precisamente por reciclar ou reutilizar materiais que podemos atopar pola casa. "Non precisas gastar cartos, simplemente vontade", di Darriba. "Non facemos propostas que conteñan materiais que non se atopan de maneira normal en calquera fogar", afirma Veiga. Seguindo esa virtude antes mencionada de se adaptaren ao medio, atopamos instrucións para fabricar birlos con garrafas de auga baleiras, zancos con latas ou leiriñas con chapas de botella.

Un caso particular sería o da perinola ou bailarete, un xoguete que propoñen elaborar dun CD ou, na súa variante máis cativa, cun tapón. Pódese xogar a ver cal perinola aguanta máis tempo a virar, ademais de aproveitar para decorala.

Desta maneira, o proceso de creación vólvese tamén unha parte importante do propio xogo, fomentando en especial a creatividade. Pois esta maneira de brincar promove o exercicio físico e mental, educando en múltiples facetas para contribuír ao "crecemento harmónico", defende Veiga. "Crean relación, comunicación e non hai competitividade dunha maneira violenta", considera pola súa banda Darriba.

Crear comunidade

Ademais, os xogos tradicionais "son para todas, desde as máis pequenas até as maiores", di Veiga. "Eu, que son educadora social, considero que favorecen a coeducación. Nos xogos tradicionais non hai diferenza de xénero", entende Darriba.

Nun nivel máis profundo, a corentena tamén pode supor unha oportunidade para reflexionarmos sobre como medran e xogan as crianzas, para mudar aquelas dinámicas que limiten o "desenvolvemento autónomo", suxire Veiga. Non se trata de opoñer os xogos tradicionais aos "trebellos modernos, que están moi ben", insiste en aclarar. A chave está no equilibrio, en coñecer ambas opcións e que convivan, recollendo o potencial de cada unha.  

comentarios