Augas da Galiza admite 58 concesións extinguidas de centrais hidroeléctricas após as críticas de ecoloxistas

maxes aéreas dunha ponte tomadas pola empresa UAV Galicia, que une as tecnoloxías da fotogrametría e o uso de drons.
Os colectivos ecoloxistas explican que manterán "unha acción sostida de vixilancia e denuncia destas infraestruturas caducadas”.

Augas da Galiza vén de emitir un informe sobre a extinción de concesións hidroeléctricas na Galiza para o Consello Reitor, no que admite que 58 concesións estarían actualmente extinguidas.

Faino despois de que organizacións ecoloxistas denunciasen en varias ocasións ante Unión Europea a política de comunicación en materia ambiental da Xunta, xa que non estaría a garantir o acceso á información, un dereito de toda a cidadanía galega.

Segundo o que recolle a normativa hidráulica de aplicación neste tipo de concesións, as 58 que estarían extinguidas cumpren algún dos seguintes casos: finalización do prazo concesional outorgado, caducidade da concesión, renuncia expresa do concesionario ou expropiación forzosa.

Unha vez as concesións están caducadas, a Xunta debe facerse cargo das infraestruturas empregadas polas empresas concesionarias, algo no que nos colectivos ecoloxistas fan especial fincapé.

Sen "solución xeral" 

Para Augas da Galiza, “a extinción das concesións hidroeléctricas é unha cuestión complexa que exixe análises en profundidade e caso a caso”.

Para a Xunta, non existe unha solución xeral aplicábel a todas as concesións caducadas, e xustifica que cada decisión debe basearse na "rentabilidade social, patrimonial e cultural".

A Administración galega engade no seu informe que a futura xestión das infraestruturas “deberá ser óptima dentro das existentes, deberán valorarse todos os aspectos desta complexa xestión e deberá xerar ingresos para a Administración Hidráulica da Galiza que revertirán no interese público”.

A pesar das explicacións de Augas da Galiza, os colectivos ecoloxistas explican que manterán "unha acción sostida de vixilancia e denuncia destas infraestruturas caducadas”, xa que son causantes dunha gran alteración ambiental e contan cun risco de accidente.