A Xunta deixa no aire o futuro das concesións hidroeléctricas vencidas

No país dos mil ríos poucos poden presumir de correr libres até o mar. As concesións dos saltos hidroeléctricos, que tanto diñeiro dan ás empresas que os xestionan, comezarán a vencer nos vindeiros anos, pero as Administracións aínda non se pronunciaron sobre os seus plans para estes activos. 
maxes aéreas dunha ponte tomadas pola empresa UAV Galicia, que une as tecnoloxías da fotogrametría e o uso de drons.
photo_camera maxes aéreas dunha ponte tomadas pola empresa UAV Galicia, que une as tecnoloxías da fotogrametría e o uso de drons.

Galiza ten nas súas augas unha inmensa fonte de riqueza, nas do mar, polos bens que produce e polas ondas que moldean as súas praias e cantís, e nas dos ríos, polo abastecemento á poboación e polos cartos que xeran as centrais hidroeléctricas que cortan os seus cursos.

Algunhas desas centrais están chegando á fin da súa concesión. A primeira será a das Cunchas,  no río Limia, en 2024. Seguiranlle as de Montefurado, no Sil (2029), Os Peares, no Miño, e Santo Estevo, tamén no Sil (2030), Barrié de la Maza, no Tambre, Fervenza, no Xallas (2033), e a do Eume, en 2035. 

O prazo máximo destas concesións é de 75 anos, pero no caso das minihidráulicas, segundo os datos que figuran nos rexitros do Instituto Enerxético de Galiza (Inega), hai saltos que superan o século de vida.

O futuro destes aproveitamentos unha vez rematen o seu período concesional é unha incógnita, de aí que o deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Congreso das Deputadas, Néstor Rego, presentase esta mesma semana unha serie de preguntas ao Goberno español relativas ao estado dos aproveitamentos hidroeléctricos da Galiza. O obxectivo destas cuestións é coñecer se se teñen iniciado procesos de reversión, o estado no que se atopan, e quen se encarga da xestión das centrais unha vez regresan ao dominio público, entre outros aspectos. 

Enerxía galega 

As preguntas formuladas por Rego van na liña da proposta da formación nacionalista, que leva tempo reclamando para a Galiza unha tarifa eléctrica propia, de tal modo que a enerxía que se xera no país se poida xestionar desde o propio territorio. Desta forma, ademais de aproveitar a totalidade da enerxía que se produce antes de exportala a outros territorios do Estado español, contar cunha tarifa eléctrica propia tamén permitiría evitar o problema que supón para as industrias electrointensivas do país (Megasa, Xeal, Ferroatlántica, Celsa, Alcoa ou Alu Ibérica) o non poder competir en igualdade de custos con outras fábricas de Europa por culpa precisamente do prezo da enerxía.  

Así, os saltos hidroeléctricos que rematen o seu período concesional poderían reverter ao dominio público, formar parte dunha rede de xeración propia da Galiza e axudar a rebaixar o prezo da luz á cidadanía galega.

Nesta liña, o Foro Económico de Galiza incluía no seu último anuario un traballo do economista Xoán López Facal no que propuña o rescate das hidroeléctricas tan pronto fosen vencendo as súas concesións, mais tamén a creación dunha sociedade pública de enerxía e cambio climático que tivese como activos estes saltos, así como as participacións do Goberno galego en Reganosa (24,3%) e Sogama (51%).

O traballo, que leva por título O sistema enerxético galego: dimensión, problemática, expectativas, parte precisamente do próximo vencemento destas concesións. Nel, López Facal explica que "o futuro do patrimonio hidráulico galego apunta boas perspectivas de colaboración público-privada até agora inéditas".  

Tamén sinala que son o Parlamento e o Goberno galego os responsábeis da activación "do inescusábel dereito legal" ao rescate. "A habitual estratexia da ocultación non parece de aplicación neste caso", remarca Facal.

Non obstante, nesta batalla tamén hai intereses económicos, xa que moitos dos aproveitamentos hidroeléctricos están en mans de empresas como Iberdrola, Naturgy, Endesa (vinculados á central das Pontes), Xeal ─a antiga Ferroatlántica─, que non quererán perder os beneficios de tan suculento negocio. 

Iniciativa frustrada

O debate sobre a reversión das centrais non é novo, pero tampouco se ten avanzado moito durante os gobernos do PP. De feito, o Goberno de Núñez Feixoo xa botou atrás a finais do pasado ano unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) promovida pola central nacionalista CIG que reclamaba que a Administración galega asumise a xestión das centrais hidroeléctricas unha vez finalizada a súa concesión e que si contou co apoio da oposición no Parlamento.

A iniciativa, avalada con máis de 13.000 sinaturas, foi rexeitada polo PP que, en palabras da súa deputada Marta Nóvoa, dicía dela que estaba asentada na "demagoxia" e non en "criterios técnicos". 

"No hai que romper nada. Remata a concesión e recupérase. Non vai contra posicións ideolóxicas nin contra o privado",  replicoulle na súa exposición o deputado do BNG Ricardo Blanco, quen puxo o acento en que se trata simplemente dunha cuestión de "vontade política".

Comentarios