A AN absolve Hadriám Mosqueira de pertenza a RG, mais condénao por tenza de explosivos

senlheiro

O tribunal condénao a 7 anos de cadea por "tenza de artefactos explosivos".  O ditame fíxose público un día despois da sentenza ditada polo Supremo en relación a Resistencia Galega.

 

A Audiencia Nacional española vén de ditar sentenza en relación ao xuízo de Hadriám Mosqueira Pazos o pasado mes de febreiro. No seu ditame o tribunal absólveo do delito de pertenza a organización armada e condénao a 7 anos de privación de liberdade por tenza de material explosivo. 

Segundo a sentenza feita pública esta sexta feira, no xuízo "non ficou acreditado por proba bastante" a adscripción do acusado "a organización terrorista algunha coa nota de permanencia temporal que o Tribunal Supremo vén requerindo", asemade, din @s tres maxistrad@s, a única proba que avalaría esta tese é unha pericial de intelixencia desenvolvida polo instrutor da investigación, polo que a proba debe ser valorada, subliñan desde a Audiencia Nacional española como "a opinión cualificada dun perito-testemuña". 

7 anos de cadea por tenza de explosivos

Malia todo, o tribunal condenou Mosqueira Pazos a 7 anos de cadea por tenza de material explosivo en relación con 3 artefactos que a xustiza lle atribúe e que terían sido incautados no decorrer da súa detención nun monte do concello de Ames. 

Na vista oral, Hadriám Mosqueira negou ter coñecemento do que contiñan as bolsas até que "me dixeron por que estaba detido". Así mesmo, na súa declaración indicou estar en contra da violencia que coidou "unha barbaridade".

Tribunal Supremo

A sentenza foi publicada após un día de se resolver o recurso de casación interposto pola defensa de 4 independentistas condenad@s de pertenza a organización terrorista. A máxima instancia avalou no seu ditame a existencia deste grupo embora reducir as condenas d@s independentistas entre 3 e 5 anos por non estaren "debidamente motivadas".