O Supremo avala a existencia de RG mais reduce as penas @s independentistas

Tribunal Supremo

O Tribunal Supremo resolveu o recurso de casación presentado pola defensa d@s 4 condenad@s por pertenza a RG e reduce as penas entre 3 e 5 anos. Considera as condenas de ''gravidade inusitada e desproporcionadas cos feitos enxuizados''. O TS confirma setenza da Audiencia Nacional que tipifica a RG de ''organización terrorista''

 

A máxima instancia pronunciouse esta quinta feira (24 de abril) a respeito do recurso de casación presentado pola defensa de Antom Santos, Maria Osório, Roberto Rodríguez Fialhega e Eduardo Vigo após o xuízo en que foron condenad@s por pertenza a banda terrorista, falsificación de documento oficial e tenza de explosivos.

O Tribunal Supremo rebaixa as penas ditadas pola Audiencia Nacional española entre 3 e 5 anos de cadea para @s catro independentistas após considerar que os 18 e 10 anos de condena aprobados polo tribunal "non estaban debidamente motivados". 

"De costas aos mecanismos democráticos"

Coa súa decisión o Supremo ratifica a existencia xurídica de Resistencia Galega como organización armada que emprega "o uso da violencia como o modo de conseguir os seus obxectivos de costas aos mecanismos democráticos", apunta na sentenza recollida pola axencia de notivias Europa Press. 

No entanto, o tribunal resolve que as condenas deben ser reducidas de maneira que Eduardo Vigo e Roberto Rodríguez pasan de 18 anos de privación de liberdade a 13 e 9 meses. Pola súa banda, Antom Santos e Maria Osório son condenad@s a 7 anos e 9 meses en troca dos 10 iniciais. 

A defensa, disposta a recorrer ante o Constitucional e o Tribunal Europeo de DDHH

Os avogad@s enteráronse da decisión do TS pola prensa, pois non recibiran a sentenza. Por ese motivo apuntou Borxa Colmenero a Sermos Galiza, non podían facer unha valoración “pormenorizada e con clama” da mesma, se ben si que adiantaron unha “primeira lectura”.

O letrado dixo que esta sentenza non supón a fin do camiño na defensa d@s catro independentistas, pois están dispostos a “recorrer a todas as vías xurídicas posíbeis”, citando o Tribunal Constitucional e o Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos. Colmenero reiterou a liña da defensa de que os feitos polos que foron xulgados en xuño de 2012 Antom Santos, María Osorio, Eduardo Vigo e Roberto Fiallega non poden ser tipificados como terrorismo.

No que atinxe á redución das penas, este avogado considera que neste punto o TS acepta parcialmente o recurso da defensa, pois subsidiariamente pedían que, de se considerar polo Supremo que RG era organización terrorista, as condenas impostas por iso aos 4 condenados foran proporcionadas. O fallo do TS fala de condenas “ desproporcionadas cos feitos enxuizados''.

Unha das cuestións que os avogados queren comprobar tan pronto teñan o fallo do TS é os argumentos empregados para rexeitar a petición de nulidade do xuízo feita pola defensa. Lembremos que os avogados solicitaban a nulidade en base a que consideraban que a actuación do maxistrado no xuízo da Audiencia Nacional non fora imparcial.

María Osorio

Tras este fallo do Supremo unha das cuestións que están sobre a mesa é que acontecerá con María Osorio, en liberdade provisoria desde febreiro de 2013.