A Audiencia da Coruña ratifica o feche da instrución de Angrois

A Plataforma das Vítimas do accidente exixen o cesamento do antigo xefe de seguridade de circulación de Adif, Andrés Cortabitarte.

A Audiencia Provincial da Coruña ratificou o feche da instrución sobre o accidente do tren Alvia acontecido en Angrois (Santiago de Compostela), en xullo de 2013, e mantén os dous investigados: o maquinista, Francisco José Garzón Amo, e o antigo xefe de seguridade na circulación de Adif, Andrés Cortabitarte. A ambos impútaselles 80 supostos delitos de homicidio e 144 de lesións por imprudencia profesional grave. 

No auto, con data do pasado 26 de marzo e remitido esta quinta feira, 8 de abril, aos medios de comunicación polo Tribunal Superior da Xustiza da Galiza (TSXG), os maxistrados rexeitan os recursos presentados por varias partes contra o auto do Xulgado de Instrución número 3 de Santiago, que puxo fin á investigación. Nestes solicitábanse o sobresemento do maquinista, a consideración de “leve” da imprudencia do director de seguridade no momento e a exixencia de responsabilidade de Renfe. 

Así, o xuízo oral abrirase previsibelmente contra os dous acusados: ao maquinista do tren, que aquel día circulaba cun exceso de velocidade tras atender unha chamada do interventor, e o antigo xefe de seguridade na circulación de Adif, ao que o instrutor atribúe a responsabilidade dunha avaliación de riscos deficiente na liña. 

No auto mantense que hai  “terminantes e plurais indicios” de que a causa do accidente foi o exceso de velocidade e entende que existía “un risco especial de descarrilamento” que non foi “percibido e atendido por Adif”. 

Cesamento de Andrés Cortabitarte

Pola súa banda, a Plataforma Vítimas Alvia 04155 resalta que o feche de investigación xudicial cun alto cargo de Adif como imputado “desmonta a verdade oficial”, que a asociación vincula coa etapa na que a popular Ana Pastor estivo á fronte de Fomento, na que se sinalaba ao maquinista como único responsábel do accidente. 

“As vítimas e familiares levábamos máis de oito anos denunciando reiteradamente que o erro humano do condutor non era a única causa do accidente, senón que tamén había responsabilidades dun comportamento neglixente por parte de cargos de Adif, Renfe e Fomento”, indica o portavoz da asociación, Jesús Domínguez, en conversa con Nós Diario
A plataforma reclama agora á presidencia de Adif o cesamento de Cortabitarte, que actualmente ten un posto de libre designación na empresa. 

"Nunha reunión que tivemos coa presidenta de Adif e o Ministro de Fomento prometéusenos que sería cesado", indica Domínguez. 
O presidente da plataforma acusa de "engano" e pregúntalle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, "se segue crendo nesa verdade oficial segundo a cal o maquinista era o único responsábel". "Enganáronos ao sinalalo e dicían que era o sentir maioritario", lembra. 

Sobre a resolución do auto, Domínguez apunta que "isto lévanos a pensar que a loita serve, que todo o traballo feito, como ir a Europa, foi fundamental. O informe que fixo a Axencia Ferroviaria Europea e a Comisión Europea, onde fomos con Ana Miranda, do BNG, foi chave para desmontar a verdade oficial", comenta. 

Asemade, o presidente da Plataforma de Vítimas Alvia 04155 explica que "pensamos que tamén debería estar imputado Renfe e o Ministerio de Fomento porque quen finalmente outorga a posta en servizo da liña é Fomento", conclúe Domínguez.