A Audiencia da Coruña ordena reabrir a investigación do caso Alvia

[Imaxe O.RODIL]

Insta a aclarar os "extremos expostos" en probas periciais que fan parte da instrución. As vítimas din estar "esperanzadas".

A Audiencia Provincial da Coruña ditou esta sexta feira (27 de maio) un auto polo que ordena reabrir a investigación do caso Alvia a respeito do accidente de tren acontecido o 24 de xullo de 2013 na curva de Angrois e no que faleceron 81 persoas. 

Segundo o tribunal existen "extremos expostos" polas probas periciais achegadas na fase de instrución que deben ser aclarados. Así pois, correspóndelle ao Xulgado nº3 de Compostela continuar coa investigación. 

En outubro de 2015 o xuíz Andrés Lago, fechou a instrución co maquinista como único imputado. Para el, o Ministerio Fiscal pide unha pena de 4 anos de prisión e a inhabilitación especial para a profesión de maquinista de ferrocaís por seis anos por un delito de homicidio imprudente grave profesional e 144 delitos de lesións. Antonio Roma, fiscal, apremiou a apertura do xuízo oral a comezos de 2016 após impugnar os recursos de apelación contra o auto de fechamento da instrución. 

O risco de accidente na curva de Angrois,
motivo da reabertura do caso 

Tres son os aspectos nos que fundamenta a Audiencia Provincial da Coruña a reabertura da investigación no caso Alvia. Todas elas a respeito do risco de accidente na coñecida como curva da Grandeira, na que tivo lugar o sinistro. 

A Audiencia entende que a avaliación de risco por parte de ADIF presenta "carencias" o que transfería a responsabilidade ao persoal de RENFE 

No concreto, os maxistrados da Sala número 3 entenden que dalgúns dos informes periciais se desprenden indicios de que a avaliación do risco nese punto da vía contou con "deficiencias técnicas" polo que se autorizou o tránsito de trens sen ter introducido os mecanismos necesarios para reducir o risco de accidente no caso de se producir un erro humano, como o ocorrido o 24 de xullo de 2013. 

"Debe entenderse que subsisten indicios, non suficientemente desvirtuados, de que existía un risco de accidente na curva que non foi avaliado especificamente; que segundo as avaliacións periciais levadas a cabo nas actuacións o risco de accidente nesa curva constituiría tecnicamente, cando menos, un risco non desexable, o que implica que debería ter sido reducido, como efectivamente se puido facer e non se fixo", recolle o auto remitido á imprensa através do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. 

Aliás, os maxistrados apuntan de novo a ADIF --cuxa imputación dalgúns dos seus responsábeis foi tombada pola propia Audiencia da Coruña en novembro de 2013-- asegurando que para a sala, "existen indicios de que o método aplicado por ADIF, tanto como pauta xeral como no caso investigado, presenta carencias que determinaron que non se apreciase o risco realmente existente e que se transferise ou exportase ao persoal de RENFE sen avalialo nin adoptar medidas para comprobar que o risco se mantiña en niveis tolerables". 

A Sala nº3 ordena que o xulgado de instrución de Compostela investigue de novo "dous informes periciais" para aclarar o acontecido

Neste senso, entenden que non ter previsto de maneira acaída o risco e, para alén do máis, non ter adoptado mecanismos que o reducisen, podería ter unha "relevancia causal respecto do accidente ao haber indicios de que existía efectivamente un risco excesivo na curva, valorado conforme a pautas técnicas, e que en virtude destas debería ter sido paliado ata límites aceptables". 

Así pois, a Audiencia Provincial, ordena devolver o caso á fase de dilixencias previas e manda que se practique a ratificación e aclaración "de dous informes periciais, ademais das probas que se consideren necesarias" para determinar os devanditos aspectos. 

"A Audiencia debeu ler os papeis"

Desde a Plataforma Vítimas do Alvia 04155 coidan "lóxica" a decisión da Audiencia e amósanse "esperanzadas" pola re-abertura da investigación. "A Audiencia debeu ler os papeis", sinalou en declaracións recollidas pola axencia Europa Press, o portavoz do colectivo de vítimas e familiares das 81 persoas falecidas no sinistro, Jesús Domínguez, en relación ás máis de 25 mil páxinas que compoñen o caso, algo, acrecentou que ao seu xuízo "non fixeron nen o fiscal nen o xuíz". 

Domínguez tildou de "vergoña" que se tivese fechado a instrución sen teren sido esclarecidos os extremos denunciados polas vítimas e a defensa de Francisco Garzón, o maquinista e único imputado. Agora, sinalan, estudarán se adoptar algunha medida no que entende que constitúe un "pao" para o fiscal, Antonio Roma, e o propio xuíz instrutor, Andrés Lago. 

En Marea celebra a reabertura da investigación

A coligazón anuncia que solicitará de novo a creación dunha comisión de investigación após ser rexeitada nesta lexislatura polo PP e PSOE. Desde En Marea celebran a decisión xudicial pois entendemos que "non hai democracia real se dende o ámbito xudicial e político non se aclaran as verdadeiras responsabilidades e decisións que están dentras do sinistro", sinalan nun comunicado de imprensa. 

Neste senso, agardan que a decisión da Audiencia "sirva tamén para que o PSOE recapacite e rompa o pacto de silencio que mantén co PP neste asunto e que durante tres anos impediu a comisión de investigación e lle negou ás vítimas o dereito á verdade". 

BNG: "a xustiza non se pode exercer se non se coñece a verdade"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defendeu desde Vigo onde a organización frontista presentou a candiduta encabezada por Luís Bará ás eleccións xerais, o "dereito coñecer a verdade" por parte das vítimas, familias e o conxunto da sociedade galega. Sen ela, di, "a xustiza non se pode exercer". 

Ana Pontón sinalou que o BNG estivo "sempre ao lado das familias" e sinalou que existe "unha débeda moral, política e emocional" con elas polo que insistiu en que sexan depuradas as responsabilidades políticas que existan para alén das penais. 

PSdeG agarda "non se dilate excesivamente" o caso

O portavoz parlamentar do PSOE no Pazo do Hórreo, Xosé Luís Méndez Romeu, asegurou desde A Coruña que "sempre é positivo" que se ofrezan "garantías procesuais" ás partes, en referencia á reabertura da instrución ao tempo que amosou a vontade do seu grupo de que "non se dilate excesivamente" o proceso xudicial. 

Neste senso, acrecentou, agardan que a "súa conclusión permita definitivamente tomar unha decisión sobre as responsabilidades". 

Cómpre lembrar que o PSdeG na Galiza e o PSOE en Madrid rexeitaron a creación dunha comisión de investigación sobre o caso todas as veces en que esta foi proposta polo BNG, AGE ou En Marea.