Atopan en Madrid un atado con material "descoñecido até a data" sobre o 'caso Déborah'

Concentración en Vigo decorrida o pasado 28 de decembro de 2021 para pedir "xustiza para Déborah" (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).
A familia da moza asasinada exixiu que se "depuren responsabilidades".

A investigación xudicial da morte e desaparición da moza viguesa Déborah Fernández-Cervera sumou nos últimos días un novo episodio insólito: a Unidade encargada da investigación destes feitos, ocorridos en 2002, confirmou a aparición dun atado "descoñecido até a data" que contén efectos e documentos relacionados coa investigación.

Este cartafol foi localizado no marco dunhas obras de reforma no Complexo Policial de Canillas en Madrid.

Así o confirmaron a familia da moza asasinada e o seu equipo xurídico, que recibiron esta noticia con "incredulidade e indignación". Segundo sinalaron, entre o material aparecido en dependencias policiais en Madrid hai un teléfono móbil "sen tarxeta SIM", cintas de vídeo, fotografías e oficios policiais.

"Como se pode ocultar un teléfono móbil durante todos estes anos? Sen tarxeta SIM?", cuestionou a familia de Déborah, que lembrou que este achado prodúcese precisamente no momento en que a xuíza de instrución 2 de Tui denegou a petición de indagar acerca da cadea de custodia do disco duro do ordenador da vítima.

A decisión da maxistrada chegou a pesar de que os peritos da empresa Lazarus Technology chamados a declarar no marco da causa xudicial confirmaron que o disco duro do ordenador de Déborah Fernández foi manipulado.

A familia pide “depurar responsabilidades”

Familiares e achegados da moza asasinada lamentaron tamén a "negativa reiterada" da xuíza instrutora á petición de incorporar á causa o contido de todos os atados policiais dos que se tiña constancia até o de agora.

A aparición de novo material relacionado coa investigación, que aínda non foi analizado, e do que se descoñece o seu alcance, suscitou a "sorpresa" da familia da moza, que vai pedir "que se depuren responsabilidades" e non descarta "presentar reclamacións xudiciais".

O pasado mes de xullo, a titular do Xulgado de Instrución número 2 de Tui decidiu alongar seis meses máis a instrución do caso de Déborah Fernández-Cervera.