Un mapa ao que meter o dente

O atlas pódese consultar no blog "O lugar do sapo".
O escritor Antonio M. Fraga compila nun mapa os fornos e despachos galegos coas mellores empanadas, segundo as recomendacións recibidas no seu blog e redes sociais. O seu Atlas da Empanada achégase xa á centena de entradas, onde os "clásicos" conviven con variedades menos coñecidas como a de centola, a de berberechos con cuncha ou a de atún con ortigas. 

Quen sabe se os antecedentes familiares do escritor eumés Antonio Manuel Fraga tiveron algo que ver na cartografía gastronómica na que se me embarcou aproveitando os tempos mortos do confinamento, primeiro como brincadeira e, despois, como proxecto colaborativo.

El conta que foi unha empanada "non demasiado boa" a que o levou pedir nas súas redes sociais recomendacións que estivesen á altura da súa sona. Mais ao lle preguntar polos seus vínculos gastronómicos, menciona as irmás Fraga, tías do seu pai, que rexentaron durante anos un forno da praza do Pan de Pontedeume

Como queira que sexa, a súa petición obtivo ducias e ducias de respostas, chegadas das catro puntas da xeografía galega, que el comezou compilar, primeiro nunha táboa de excel e, máis tarde, no mapa que dá forma ao Atlas da Empanada, que hoxe segue a enriquecerse en localizacións e variedades, coa vocación de se converter nunha "descrición do país a través das súas papilas gustativas". 

Ao "triunvirato básico" que conforman a de bonito, carne e bacallau fóronse sumando exemplos menos coñecidos fóra da súa comarca, desde a empanada aberta de raia que se prepara na zona de Cedeira á insólita empanada de centola de Moaña ou a de atún con ortigas que ofrecen en Lobios.

"A miña idea era coñecer despachos e fornos onde a empanada estivese espectacularmente boa, e non tanto variedades, porque moitas son as clásicas, pero comezaron saír empanadas das que nunca oíra falar", conta o autor da obra xuvenil Bestiario científico de Anxos Nogueirosa, que ademais desta enciclopedia da empanada colaborativa, está iniciando un novo proxecto literario, dirixido, desta vez, a público infantil.

Polbo, xouba, chipirón, pescada, longueirón ou zamburiña, mais tamén liscos, zorza, chourizo ou unha empanada berciana feita con pataca. E as versións doces de mazá, de tona ou de requeixo con marmelo. Todas están xeolocalizadas neste mapa, no que aínda hai espazos por encher e variedades autóctonas por engadir. 

"Espero que siga medrando, porque aínda quedan páramos entre o Vicedo e Mondariz, pasando por Lalín", apunta Fraga, que chama a quen queira facer a súa achega a enviala a través dos comentarios do seu blogue, para centralizar nesa canle as novas recomendacións e poder seguir actualizando o mapa.

"Este Atlas é un ente vivo que debe continuar a medrar", proclama o autor na súa páxina, onde chama a seguir incorporando propostas e difundindo o apostolado da empanada.