A atención primaria non volve á "normalidade"

O conselleiro, Julio García Comesaña (no centro) visitou nesta segunda feira as obras do hospital comarcal de Monforte (Foto: Xunta da Galiza).
A cita telemática foi escollida en 2019 por unha de cada dez galegas; porén, o Sergas gábase de que no ano da pandemia ascenderan a 14%, unha cifra que, asegura, "confirma" a preferencia da cidadanía por esta modalidade. As e os profesionais urxen reforzos e piden recuperar as consultas presenciais.

A Galiza está inmersa no estado de emerxencia sanitaria por mor da pandemia desde o 14 de marzo de 2020, cando o Goberno estatal decretara o primeiro estado de alarma. Nesta cuarta feira, 19 meses despois, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, anuncia na súa intervención na primeira xornada do Debate do estado da nación o levantamento desta norma, que perderá a vixencia a vindeira semana.

Ábrese paso, polo tanto, a situación de "nova normalidade" no país; non así no eido sanitario, xa que a Xunta avoga por manter 40% das consultas na modalidade telemática. Neste senso, o conselleiro, Julio García Comesaña, gabábase recentemente de que as cifras de 2021 "confirmen a tendencia de usar a cita non presencial [14% do total e unha de cada dúas das solicitadas por vía telemática]", se ben no ano previo á pandemia, 2019, esta opción foi escollida unicamente polo 11% da poboación galega.

"O Goberno ten que deixar de tutelar a cidadanía, pois é adulta para saber se precisa unha cita presencial ou telefónica", sinala a Nós Diario a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín. Neste senso, critica que a Xunta "saque cada día un novo titular para a prensa" mentres a "situación real" deste servizo, ao seu xuízo, evidencia un "modelo fracasado" de xestión. "Din que nas axendas das e dos médicos hai uns 30 ou 40 pacientes, mais se onde antes había cinco profesionais agora hai dous e teñen que asumir tamén esa carga non é real", di.

Así mesmo, salienta que nas vindeiras semanas comezará unha "etapa complicada" por mor da tempada da influenza. "E a situación irá a peor, porque están previstas máis xubilacións que novas incorporacións", engade.

Na mesma liña apunta o médico de familia en Outes e secretario de SOS Sanidade Pública, Xosé María Dios Diz: "A Consellaría ten nas súas mans as conclusións do Consello Técnico de Atención Primaria desde novembro de 2019, onde xa abordamos estes problemas. Por que non as aplica e segue convocando novas comisións de expertos?", sostén, e lamenta que o Goberno galego, con estas medidas, estea a "aumentar o deterioro da sanidade pública para porfiar no seu desmantelamento".

Sobre o obxectivo fixado pola Xunta para as citas telefónicas, expón: "É algo irreal porque depende da vontade da xente, non podes obrigar a ninguén a non asistir de forma presencial. Eu teño unhas 25 consultas presenciais cada día que acaban superando as 40 con pacientes que van chegando, algúns deles atendidos previamente por teléfono, porque se me din que teñen un vulto nas costas, eu teño que examinalo en persoa, e xéranse duplicidades".

Pola súa banda, García Comesaña respondía esta mesma semana ás críticas alegando a "visión de futuro" da Xunta: "Din que imos fechar os hospitais comarcais, mais investimos 32 millóns de euros en reformalos desde 2009, o que equivalería a un oitavo hospital comarcal".

Denuncian a falta de persoal en Sanxenxo

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo denunciou nesta terza feira, a través dun comunicado, a "nefasta xestión" do Punto de Atención Continuada (PAC) de Baltar. "A pasada fin de semana, á hora de facer as quendas, non tiveron en conta que hai persoal de baixa ou de vacacións, incorporándoo ás gardas malia non estar en activo".

Como consecuencia, din, "o PAC quedou o domingo sen médico durante dúas horas", polo que foi chamado un médico de Vilagarcía para atender as persoas doentes "mentres o que corresponde a Baltar estaba en Bueu". Aliás, lamentan que o centro non tivo profesionais de reforzo nas dúas últimas fins de semana.