A Atención Primaria está á beira dunha crise irreversíbel

Mobilización en Compostela en defensa da sanidade pública, o pasado novembro. (Foto: César Arxina / Nós Diario)
Profesionais desbordados, protocolos confusos, recortes de persoal e sobre todo unha pésima planificación que leva a facultativas e facultativos a ter que medicarse para soportar as xornadas laborais, estas son as principais críticas de organizacións do sector ao servizo de Atención Primaria, alertando do colapso constante que padece.

A Atención Primaria na sanidade pública galega está ao bordo de entrar nunha situación de crise irreversíbel, denuncian múltiples entidades do ámbito sanitario, que constatan a implosión do sistema coincidindo co final das festas.

A pinga que rebordou o vaso foi a decisión anunciada a terza feira do Servizo Galego de Saúde de clausurar case toda a actividade en 14 centros de saúde da área sanitaria de Vigo, agás a atención de urxencias e da Covid-19, cando menos até o 10 de xaneiro, para tratar de “aguantar” o aumento de casos de coronavirus.

Non obstante, desde a Asociación galega para a defensa da sanidade pública cualifican a medida de “represalia”, e acusan o Goberno que preside Alberto Núñez Feixoo de restrinxir a atención perante “as protestas para salvar a Atención Primaria”.

A organización exixe anular esta restrición que dá un paso máis no “estrangulamento” do servizo sanitario, e que “curiosamente” afecta a concellos cun alto número de mobilizacións para protestar polo estado da sanidade, como O Rosal, A Guarda, Oia, Cangas, Moaña, Ponteareas, O Porriño, Tomiño ou Vigo.

A situación actual é "un perigo para a saúde de moitas persoas enfermas e incrementará aínda máis unhas listas de espera absolutamente inaceptábeis", sosteñen.

“Estrepitoso fracaso” de Sanidade

Tamén se pronunciou nese sentido a Confederación Estatal de Sindicatos Médicos na Galiza (CESM), que reclamou esta cuarta feira “medidas concretas” para evitar que o resto de centros de saúde do país teñan que restrinxir a súa actividade e censurou o “estrepitoso fracaso” da Consellaría de Sanidade á hora de xestionar a Atención Primaria, con decisións que “non fixeron máis que sementar caos e confusión”.

Coincide na análise a Confederación Intersindical Galega, que incide en que incluso antes da aparición da pandemia de SARS-CoV-2 “xa tíñamos denunciado que era preciso tomar medidas urxentes para evitar o seu colapso”.

Asemade, ironizan con que “non será un problema desprogramar neses centros a actividade programada, pois era case inexistente por falta de recursos”, limitándose hai tempo a atender “as demandas do día a día”, o que provocou “folgas e manifestacións masivas”.

A central sindical subliña que é tempo de escoitar as profesionais e dotar a Atención Primaria de “estruturas de xestión e orzamento axeitado” como única receita para saír do colapso.

3 horas para recibir atención médica

Entrementres, esta situación límite tamén foi corroborada polo Sindicato de Enfermaría (Satse), que apuntou onte ao déficit de profesionais no Punto de Atención Continuada (PAC) de Lugo, o aumento na dotación de enfermaría  é “unha reclamación histórica, que estes días se fai máis urxente”.

Con máis persoas “poderíanse reducir esperas que alcanzan unha media de 45 minutos, pero que nos días de maior afluencia poden chegar a tres horas”. Isto “provócanos unha grande angustia como profesionais”, salientan, facendo fincapé na posibilidade de que un caso grave e urxente non poida ser atendido cando o precisa.

Ao tempo, explican que esta agarda “xera en moitas ocasións malestar que desemboca en faltas de respecto, insultos, e en ocasións, agresións físicas” contra as facultativas e facultativos, e condenan os actos vandálicos contra as instalacións do centro sanitario.

Incremento nas baixas laborais

O diagnóstico crítico que sufre a Atención Primaria tamén está a afectar o persoal sanitario, a CESM destaca o “preocupante aumento” das baixas por esgotamento, tensión, ansiedade ou Covid, o que leva a un “serio risco de quebra” do servizo.

“Cada vez máis facultativos recoñecen abertamente que teñen que recorrer aos antidepresivos e tranquilizantes para enfrontarse diariamente á consulta”, advirten, relatando xornadas con até 190 pacientes pendentes de atender nalgúns PAC e unha absoluta confusión pola “incesante sucesión de pautas e protocolos”.

Con todo, poñen o foco na “descoordinación escandalosa” entre rastreadores e centros de saúde, cun teléfono de atención para notificar os positivos “colapsado continuamente”.

Os recortes, principal crítica

Malia que a Xunta xustifica determinacións como a restrición da atención hospitalaria na área sanitaria de Vigo coa falta de profesionais, a CIG responde que “non vale a desculpa porque hai xa cinco anos sabíamos que isto ía suceder e non se tomaron medidas para evitalo”.

Nesta cuestión, o CESM define como “parche” a incorporación de 86 médicos xubilados para facer seguimento de pacientes con Covid após negarlles hai oito anos a posibilidade de continuar exercendo cando “quixeron prolongar a súa vida laboral”, sinalando que de “ningunha maneira é unha solución”, polo que pide incorporar máis profesionais con “salarios equiparábeis a países da contorna e estabilidade laboral para que resulte atractivo traballar na Galiza”.