A atención á diversidade move o profesorado á folga no ensino: "É totalmente inasumíbel"
Máis de 30.000 docentes dos centros educativos públicos dependentes da Consellaría de Educación están chamados a secundar o paro laboral convocado para esata quinta feira, 25 de setembro, pola CIG-Ensino e secundado polo STEG "nun primeiro paso para recuperar a unidade sindical" fronte ás políticas educativas da Xunta.
A folga xeral atinxe todo o ensino público non universitario, que no arranque do novo curso escolar segue a dar conta de grandes carencias que "minguan a calidade educativa". Familias, equipos directivos e claustros docentes denuncian a falta de recursos, especialmente de profesorado especialista, o incumprimento dos catálogos que regulan a número de docentes por centro, a sobrecarga burocrática e a improvisación do Goberno galego, por exemplo, no que ten a ver coa implantación das novidades nas programacións de FP. Son denuncias que recollen os sindicatos e que xustifican, din, un calendario de mobilizacións que se estenderá ao longo do curso até conseguir que o departamento que dirixe Román Rodríguez escoite as demandas do profesorado.
Non pode ser que teñamos que andar con medo, atemorizadas, cada vez que fagamos unha actividade no centro co alumnado. É un ataque directo á liberdade de expresión
O persoal docente reivindica recuperar e avanzar en dereitos. Recuperar o horario lectivo de 21 horas en Primaria e de 18 no resto de ensinanzas, recuperar o dereito do persoal substituto a continuar contratado durante os meses de verán e recuperar as perdas salariais acumuladas nos últimos anos. Ademais, piden avanzar na redución de ratios en todas as etapas educativas de forma inmediata, na eliminación da burocracia inútil, no recoñecemento salarial e profesional que merece o traballo docente e no reforzo de profesorado para a atención á diversidade.
Unha "utopía"
Unha figura esencial desta atención específica, ademais do profesorado de Orientación, Audición e Linguaxe e Pedagoxía Terapéutica, é a das persoas coidadoras, que non chegan nin en número nin en tempo para atender as necesidades do alumnado galego. "É unha problemática xeralizada", afirma a Nós Diario Alexandra Pacheco, profesora no IES Campo de San Alberto de Noia, a onde este curso se incorporou Guille, de 14 anos, após máis dun ano recuperándose dun accidente de tráfico. Comunicou o seu regreso en maio. En xuño, Educación concedeulle unha coidadora a tempo completo. O centro adaptou as súas instalacións á chegada de Guille no verán e no inicio de curso seu pai colleu unha semana de permiso no traballo para favorecer a adaptación de Guille xunto á súa coidadora. Porén, aínda non dispón deste recurso imprescindíbel. "O rapaz non pode empezar as clases con normalidade por culpa de que non se cobre esta baixa".
Garantir unha atención á diversidade de calidade, asegura Alexandra Pacheco, tamén ten moito que ver coas ratios. "Este ano por primeira vez, en 1º da ESO temos aulas de 30, 31 alumnos; con 7 ou 8 con necesidades educativas especiais". Sen apoios, di "a atención á diversidade é totalmente inasumíbel, é unha utopía". Tamén un dos motivos que esta quinta feira a levan á folga; o outro, o decreto de neutralidade. "Non pode ser que teñamos que andar con medo, atemorizadas, cada vez que fagamos unha actividade no centro co alumnado. É un ataque directo á liberdade de expresión".
