Unha ateigada palestra reivindica a privatizada illa da Creba para o pobo

O acto 'Pola defensa da illa da Creba' tivo lugar no local social da Esteirana, no municipio de Muros. (Foto: Nós Diario)
Rodrigo Molinos 'Bolato' anunciou este domingo a posta en marcha dunha plataforma para a recuperación da illa da Creba.

Este domingo 8 de maio tivo lugar en Esteiro (Muros) a presentación do caderno 'A illa da Creba. Un baldío comunal', editado pola fundación Galiza Sempre. O acto, que levou por título 'Pola recuperación da illa da Creba', decorreu nun ateigado local social da Esteirana. A illa da Creba atópase na ría de Muros e Noia, a 200 metros da Punta Uhía, na parroquia de Esteiro do Concello de Muros.

O que fora portavoz do Comité en Defensa da illa da Creba, e membro da asociación cultural O Xeito, Rodrigo Molinos 'Bolato', anunciou a posta en marcha dunha plataforma para a recuperación da illa da Creba. “Non podemos deixar que os nosos netos digan de nós que non loitamos por recuperar a nosa illa. Poremos en marcha a Plataforma pola Recuperación da illa da Creba”.

Pola súa parte, o autor do caderno, Francisco Abeijón 'Pacucho', animou ás numerosas persoas que asistiron ao acto, así como á veciñanza en xeral, a exercer presión e reivindicar a recuperación da illa da Creba. “A veciñanza temos que facer presión para que as Administracións actúen e recuperemos a nosa illa”, afirmou Pacucho.

Unha idea na que insistiu a responsábel comarcal do BNG na comarca de Muros e Noia, Soledad Agra, que apuntou á mobilización como un factor chave para conseguir os obxectivos. “A única maneira de devolver ao pobo o que é do pobo é a mobilización social, é de xustiza”, aseverou a representante nacionalista.

En representación da entidade organizadora da palestra, e tamén editora do caderno 'A illa da Creba. Un baldío comunal', a fundación Galiza Sempre, interveu Bieito Lobeira, quen puxo o acento na necesidade de que a Galiza teña soberanía sobre o seu litoral. “A Galiza debe ter dereito a decidir sobre a illa e o seu litoral”, demandou Lobeira. “O noso problema é que gobernan desde Madrid o noso mar”, insistiu.

Reactivación da loita

Na historicamente privatizada illa da Creba construíuse nos últimos meses unha piscina, e, ademais, foi posta en aluguer con fins turísticos, así como para a celebración de eventos. Unha circunstancia que vén de reactivar a loita cidadá pola súa recuperación para o pobo.

A loita desenvolvida pola veciñanza de Esteiro, propietaria dos terreos comunais da illa segundo referendan os documentos históricos, comezou a partir de que se inscribira parte da mesma como ben privado no Rexistro de Outes en 1922.

Nos anos 80 e 90 a veciñanza viu como se construían na illa unha gran casa e un peirao privados. A Xustiza dictaminou en 1992 que as actuacións no peirao tiñan que ser repostas á situación previa. Porén, a sentenza nunca foi executada.