Catro parques eólicos ameazan as bestas de Sabucedo

(Foto: Sindo Novoa).
"Todo o meu apoio ao pobo de Sabucedo. Eólica si, pero non así". A declaración do director de cinema Rodrigo Sorogoyen no seu discurso durante os premios Goya, onde o seu filme As Bestas foi o gran triunfador, foi acollida con "moita satisfacción" desde a Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo da Estrada: "Nós suxerímoslle se podía dicir algo sobre o problema que temos aquí cos eólicos e el foi máis alá do que esperabamos, foi moi valente".

Nos últimos 15 anos, o censo do cabalo galego de monte reduciuse á metade na contorna de Sabucedo, no Concello da Estrada (Terra de Montes), onde desde hai máis de 450 anos ten lugar a rapa das bestas, unha festa de repercusión internacional. Sobre estas, as bestas, pende agora unha ameaza en forma de catro proxectos eólicos que afectarían gravemente o seu hábitat, conformado por apenas 3.000 hectáreas.

A mensaxe nos premios Goya do director da gran triunfadora desta edición, As Bestas, Rodrigo Sorogoyen, en apoio á veciñanza de Sabucedo ante esta ameaza eólica, situou en primeira liña mediática no Estado unha loita que na Galiza leva tempo desenvolvéndose. "Nós mantemos boa relación son Sorogoyen", indica Nós Diario o presidente da Asociación Rapa das Bestas da Sabucedo, Paulo Vicente. Aproveitando esa confianza, indica, suxeriron ao director madrileño que podía facer algunha referencia á ameaza que paira en forma de proxectos eólicos sobre este "patrimonio material e inmaterial" da Galiza que son as bestas.

En perigo

Os cabalos de Sabucedo viven en liberdade durante todo o ano —excepto os tres días que baixan ao curro para a rapa— nuns terreos que se verían gravemente afectados por até catro parques eólicos proxectados na súa contorna: Pico Touriñán —dez aeroxeradores e unha potencia total de 30 megawatts (MW)—, de Enel Green Power; Touriñán III-2 —oito turbinas e 24 MW—, de Greenalia, Campo das Rosas —oito muíños e 27,6 MW—, de Naturgy; e Rosa dos Ventos —tres muíños e 15 MW—, de Wind Premier. Paulo Vicente apunta o de Campo das Rosas como o que máis lles preocupa na actualidade, após aprobar a Xunta da Galiza a finais de xaneiro deste ano a declaración de impacto ambiental. "É un erro", afirma Vicente, que xa anuncia que se a Consellaría de Industria dá o visto e prace ao proxecto, a asociación interporá un recurso.

Os parques eólicos proxectados implicarían a fin do hábitat  actual en que viven as bestas, advirte Vicente. "Son animais que teñen as súas zonas, onde viven todo o ano e estes parques van xusto nelas", explica. A construción destes eólicos, engade, e alén da destrución dos hábitats, tamén prexudicaría os mananciais de onde beben estes animais e a perda de alimento.

Á espera do BIC

Desde a asociación empezaron hai dous anos a tramitar a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) inmaterial para a festa, a fin de protexer "os cabalos que quedan" das "múltiples agresións que poderían sufrir". "Até agora non se  aprobou o expediente", denuncia Vicente, "e vai moito máis rápido o trámite de autorizar os eólicos que o de aprobar o BIC".