Até cando durará a tempada de incendios na Galiza?

Incendio no concello de Vilagarcía de Arousa. (Foto: Europa Press)
A seca que está a vivir o país durante todo o verán agrava aínda máis a situación.

O Ministerio de Defensa do Estado español dá por feito que a tempada de incendios estenderase, cando menos, ao outono, ante a "gravísima" seca que sofre a Galiza e o conxunto do Estado español desde o comezo do verán.

Así o manifestou esta segunda feira a secretaria de Estado de Defensa, Amparo Valcarce, en declaracións aos medios no Concello de Poio, durante unha visita á illa de Tambo, recentemente cedida ao Goberno local.

Valcarce valorou o desenvolvemento da operación Centinela Gallego, que implica o despregamento dos efectivos de Defensa nos dispositivos contra os incendios durante a tempada estival. Neste sentido, a responsábel ministerial incidiu na dificultade que supuxo un verán de temperaturas “extraordinarias” e que marcou un novo récord histórico en superficie queimada polos incendios, manifestou.

"Estamos implicados coa Galiza e con todo o Estado español, é un ano especialmente grave", recoñeceu Valcarce, que fixo un chamamento a toda cidadanía  para responsabilizarse ante a problemática dos lumes forestais. "Temos que pensar que a tempada vai ser máis ampla. A tremenda seca pode ser un dos motivos polos que os incendios son especialmente dramáticos", concluíu.

Situación na Galiza

O noso país rexistra a esta hora varios incendios forestais activos nos municipios de Laza, Cenlle e Xunqueira de Ambía, así como outro nas proximidades de Oímbra, na fronteira con Portugal.

Un quinto lume quedou extinguido, ás 13.56 horas, após iniciarse ás 2.35 horas na parroquia de Terroso, no concello de Vilardevós. Este lume calcinou 1,57 hectáreas de superficie rasa.

En Laza, as chamas iniciáronse na parroquia do Castro ás 9.54 horas. Para tratar de controlar este incendio traballan un axente e catro brigadas, e foron enviados dous helicópteros, segundo a información achegada pola Consellaría de Medio Rural.

En Cenlle, o lume comezou na parroquia de Pena ás 16.02 horas e segue activo. Calcinou unhas 5 hectáreas polo de agora e foron mobilizados dous axentes, sete brigadas, sete motobombas, unha pa, oito avións e tres helicópteros. Algo despois comezou o incendio en Xunqueira de Ambía, na parroquia da Abeleda. Foron mobilizados un axente, tres brigadas e tres motobombas, segundo a consellaría.

Mentres, efectivos de extinción galegos foron enviados para colaborar nos labores de control do incendio declarado na fronteira de Portugal, a carón de Oímbra. Nun primeiro momento, Medio Rural apuntara que este lume "aínda non entrou en territorio galego", mais nos últimos minutos a Xunta informou de que as chamas cruzaran a fronteira, calcinando xa unhas 20 hectáreas na parroquia de Bousés, en Oímbra.