A Asociación de Bombeiros acusa a Xunta de non contratar máis persoal e "encubrir" a tempada de alto risco

Restos dun lume nunha parroquia de Compostela. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

O colectivo considera que o Servizo de Prevención Contra Incendios Forestais é “o gran esquecido” por parte do Executivo galego malia que os lumes son un auténtico problema para o país. Critica que falte persoal para esta época do ano e lamenta que as e os operarios non sexan considerados prioritarios para a vacinación do coronavirus.

A Asociación Profesional de Bombeiros e Bombeiras Forestais da Galiza (Apropiga) denunciou hoxe o suposto abandono ao que está sometido o Servizo de Prevención Contra Incendios Forestais (SPIF) por parte da Xunta.

O colectivo opina que a Consellaría de Medio Rural actúa “con pasividade” a pesar de que nas últimas semanas xa se deron algúns lumes por todo o país, polo que consideran importante “que a cidadanía saiba que os lumes forestais, por desgraza, non son episodios exclusivos do verán”.

Con isto queren contextualizar a súa acusación, pois mentres teñen que traballar en distintos puntos de Compostela, Arzúa, Viana do Bolo, Cualedro, Quiroga e O Porriño, entre outros lugares, consideran que o Goberno galego non fai nada por reforzar os medios persoais a pesar de que o consideran preciso neste momento e non só no estío.

“A Consellaría suspendeu as queimas de restos agrícolas e forestais entre os días 19 e 25 e, a día de hoxe, volven estar permitidas”, critican dada a meteoroloxía e a seca que hai nalgunhas zonas. Así mesmo, din que “a Dirección Xeral de Defensa do monte activou a prestación de servizo de período extraordinario ao persoal tanto técnico e facultativo medioambiental como ao persoal laboral do servizo”.

É dicir, non se contrata máis pero os horarios e quendas das e dos brigadistas xa son os mesmos que terían “na tempada de alto risco”.

Por iso, entenden que Defensa do Monte está a considerar esta unha época mala para os incendios pero “encuberta” sen incorporar aos reforzos de verán porque “mantén a case a metade dos traballadores do servizo -que traballa seis meses ao ano- na rúa”. Así, amosan o seu interese porque todas as persoas poidan ser dadas de alta xa mesmo.

Suposta discriminación

A asociación tamén critica que Sanidade non planeara unha estratexia de vacinación para o persoal porque entende que non é “esencial”, algo que rebate e pide que se organice xa a inoculación do remedio contra a Covid-19.

Noutros territorios as bombeiras si teñen dereito a estar dentro dos colectivos vacinados, polo que senten un “agravio comparativo e un menosprezo” da Xunta.