martes 11/05/21

Stéfano Arellano, enxeñeiro de Montes: "O incremento das árbores de ribeira é positivo xa que pode reducir o potencial do incendio"

A tese de doutoramento do enxeñeiro de Montes, Stéfano Arellano Pérez, desenvolvida na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC, proporciona novas ferramentas para loitar contra os incendios forestais a través da análise da zona superior das árbores e do efecto de certos tratamentos silvícolas na erosión do solo. Esta investigación achega importantes datos tamén para a propia xestión forestal e opta a unha mención internacional.  
O enxeñeiro de Montes, Stéfano Arellano Pérez, presentando a súa tese de doutoramento na USC (USC)
O enxeñeiro de Montes, Stéfano Arellano Pérez, presentando a súa tese de doutoramento na USC (Foto: USC)

Que descubriu en relación á prevención de risco de incendios forestais?

Na presente tese doutoral desenvolvéronse modelos para estimar variábeis do combustíbel forestal como vexetación baixo arborado e das copas destas árbores que son de gran importancia de cara a predicir o comportamento dos incendios. Obtivéronse a partir de dúas técnicas de teledetección: tecnoloxía LiDAR incorporada nun escáner láser aéreo transportado e imaxes do satélite Sentinel 2-A.

Algúns destes modelos permitirán xerar unha cartografía dos tipos de incendios esperados como no caso da superficie, copas pasivo ou copas activo, todo a escala paisaxe. 

Por outro lado, avalíanse os efectos das claras a medio prazo sobre os combustíbeis forestais, o comportamento do incendio, os seus danos sobre o arborado e sobre a protección do solo contra a erosión post-incendio.

O tratamento de clara diminuíu o risco dos incendios de copas activo, sen embargo os seus danos sobre o arborado foron lixeiramente superiores nas parcelas de clara que nas parcelas sen tratar. Polo tanto para mellorar a eficacia da clara como tratamento de prevención de incendios é moi necesario realizala acompañada de tratamentos sobre o combustíbel de superficie tales como rozas, trituración ou queimas prescritas.

Que son as 'claras'?

As claras son un dos tratamentos silvícolas de xestión preventiva do combustíbel máis habituais nos piñeirais. Consiste na extracción das arbores de peor calidade para aumentar o crecemento en diámetro das arbores que se deixaron en pe e polo tanto da  produción de madeira. A clara modifica os combustíbeis das copas arboradas, os combustíbeis de superficie, o comportamento do incendio e a severidade ou dano do mesmo, entre outros. Poden tamén axudar a previr o inicio e propagación dos incendios de copa e tal vez a reducir o nivel de dano destes. 

No ámbito ecoloxista é recorrente falar dos eucaliptos. Cal é a razón de que a tese se centre nos piñeiros?

As razóns de que este estudo se centre en piñeiros e non en eucaliptais é que ocupan unha maior superficie forestal. Tiven en conta o segundo Inventario Forestal estatal de 2009-2010 que indica que hai unha maior superficie queimada deles e unha maior propensión a sufrir incendios de copa segundo o libro Foto guía de combustíbeis forestais da Galiza que publicamos en 2017 o Departamento de Protección do Centro de Investigación Forestal-Lourizán xunto coa Escola Politécnica Superior de Lugo (USC). Mais sería de moito interese poder realizar un estudo similar en eucaliptais.

Que conclusións saca sobre os métodos e as políticas forestais de prevención de incendios?  

Débese facer máis fincapé na prevención de incendios e para isto resulta crítico o estabelecemento das áreas estratéxicas de xestión, onde se prioricen as actuacións sobre o combustíbel forestal, xa que o orzamento é limitado. Contar con algunhas das ferramentas xeradas na tese, por exemplo a cartografía dos tipos potencias de incendio, e outras interesantes investigacións que se están levando a cabo pode resultar de utilidade para este fin. 

Por outro lado, aínda que non foi obxecto de estudo da tese, o incremento das árbores de ribeira é positivo xa que pode reducir o potencial do lume, pero non debe ser a única actuación a levar a cabo xa que son moi frecuentes os saltos do lume. Polo tanto débese complementar estas franxas de frondosas con diversas actuacións en áreas estratéxicas de xestión. 

comentarios