Sanidade pública

A Asociación de Pacientes do CHUS esixe a publicación das listas de espera

Chus [Imaxe: Sergas]

Após as declaracións públicas do xefe de cardioloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS) asegurando que conseguiron reducir as esperas cunha demora para a primeira consulta de só unha semana, a Asociación de Pacientes desminte tales afirmacións e esixe que a xerencia faga públicas as listas de espera para consultas externas do servizo de cardioloxía deste centro compostelán.

A Asociación de Pacientes do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS) veñen de esixir á xerencia deste centro que dea a coñecer as listas de espera para as consultas externas relativas ao servizo de cardioloxía. Reacciona así a asociación perante as declaracións realizadas pola xerente e o xefe de cardioloxía en que puxeron este servizo como modelo futuro para a área sanitaria de Santiago. O xefe de servizo afirmou publicamente que as demoras existentes no mesmo para a primeira consulta externa non superan os sete días, un fito logrado, asegurou, a través da denominada “consulta de acto único” en que no mesmo día se realizan a consulta e as probas.

As demoras declaradas son “rotundamente falsas", denuncia a Asociación de Pacientes do CHUS

A Asociación de Pacientes do CHUS non quere valorar se é beneficiosa ou non esa organización das consultas, mais si vén de denunciar publicamente que as demoras declaradas son “rotundamente falsas, dado que tanto os datos publicados polo propio SERGAS como a realidade que coñecemos como pacientes indican claramente que as demoras medias para primeiras consultas no servizo de cardioloxía son 4 ou 5 veces superiores aos sete días que fixo públicos o xefe de servizo”, denuncian desde a asociación.

Estas e estes pacientes cualifican de “intolerábel” que se poña como referente da sanidade pública “a alguén que, como o xefe de cardioloxía, basea a xestión e dotación do seu servizo na acción e contribución dunha multinacional, a empresa Medtronic Ibérica S.A”.

Desde a asociación tamén denuncian que se está a producir “un intento de vender politicamente para a sanidade pública o modelo asistencial do servizo de cardioloxía, modelo que se sustenta na asociación coa multinacional Medtronic” e por tanto, a mercantilización da saúde. Para isto, a xerencia do CHUS e o xefe de servizo de cardioloxía “están dispostos a xustificalo con cifras de demoras non verdadeiras e afastadas da realidade e a poñer todos os medios para conseguilo”, critican desde a Asociación de Pacientes.

“Como pacientes e usuarios defensores da sanidade pública, todos estes feitos cáusanos fonda preocupación e alarma social”, conclúen.