Recortes en sanidade

O Sergas cobre as vacacións do persoal con ampliacións de xornada en Pontevedra e o Salnés

Interior de centro hospitalario

Un comunicado do Sergas informou que as ausencias e vacacións durante os meses de verán serán cubertas mediante prolongacións de xornada do persoal dos centros e ou a través de intersubstitucións, o que implica que o resto de profesionais asuma provisionalmente a cota de consultas do persoal ausente. Esta medida afecta polo de agora á EOXI de Pontevedra e o Salnés.

Por medio dun comunicado o Servizo Galego de Saúde informou da decisión da EOXI (Estrutura Organizativa de Xestión Integral) de Pontevedra e o Salnés de cubrir as ausencias e vacacións durante os meses de verán con prolongacións das xornadas laborais do persoal dos centros. Tamén contemplan a posibilidade de cubrir esas ausencias con intersubstitucións, ou o que é o mesmo, que cada profesional asuma provisionalmente a cota de consultas do persoal ausente.

O Sergas escúdase en que esta decisión conta con marxe legal e administrativa e na suposta “imposibilidade” de cubrir as ausencias durante os meses do verán con profesionais das listas de contratación ou con persoal voluntario.

Deste modo, a área sanitaria de Pontevedra e o Salnés vai facer cargar a cota de ausencias e vacacións do profesional prolongando as xornadas laborais das e dos seus compañeiros de centros.

O Servizo Galego de Saúde asegurou que esta mesma medida xa foi adoptada noutras ocasións polas xerencias de atención primaria de Pontevedra e aludiu a que tamén xa se ten aplicado nos puntos de atención continuada de Marín e máis de Vilagarcía.